InicioEconomíaA vista para substanciar as medidas cautelares para a fábrica de Alcoa...

A vista para substanciar as medidas cautelares para a fábrica de Alcoa será o 28 de outubro

Os sindicatos alertan de que parar as cubas suporía "un dano irreversible" para o futuro do complexo industrial e instan ás Administracións a "apartar a Alcoa da toma de decisións"

Publicada o

- Advertisement -

Os sindicatos CC OO, CIG, e UGT informan que o próximo 28 de outubro terá lugar no
Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) a vista para substanciar a petición de medidas cautelares para paralizar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa na planta de aluminio de San Cibrao e impedir así que a multinacional inicie o proceso de parada das cubas de electrólise.

Os sindicatos reclamaron no escrito ao TSXG a intervención ou a administración xudicial dos bens produtivos, asumíndose a intervención e administración da planta de aluminio por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e mentres non haxa sentenza xudicial firme.

E de maneira subsidiaria, que se ordene a Alcoa non executar os despedimentos individuais e, en consecuencia, que non proceda a parar a produción de aluminio na fábrica nin as cubas de electrólise.

No procedemento figuran como demandantes este tres sindicatos e como demandados Aluminio Español S. A. e Alcoa Inespal Coruña S. L..

A Consellería de Economía, Empresa e Innovación e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo intervirán no procedemento como partes interesadas. Para evitar os desprazamentos innecesarios á sede xudicial debido á crise sanitaria da Covid-19, a vista poderase seguir en directo a través de streaming (9.30 horas).

RECLAMAN A INTERVENCIÓN AOS GOBERNOS: “CÓMPRE UNHA ACTUACIÓN FIRME”

As centrais sindicais emitiron un comunicado conxunto no que aseguran que “permitir que Alcoa comece co apagado das cubas suporía un dano irreversible nas capacidades
produtivas da fábrica de San Cibrao e lastraría calquera posible saída para garantir a
continuidade dos empregos e da produción”. CC OO, CIG e UGT insistiron xunto coas Administracións en que a planta é viable malia a intención de pechala da multinacional estadounidense, valorando o proxecto industrial da siderúrxica británica Liberty House.

Os sindicatos, con todo, instan a Xunta de Galicia e Goberno central a intervir para asegurar esa viabilidade. “Alén da decisión que adopte o Alto Tribunal galego, faise preciso unha actuación firme, decidida e inmediata por parte das Administracións públicas de cara á intervir a fábrica e para apartar a dirección de Alcoa da toma de decisións, tendo en conta que xa confirmou a súa intención de executar o ERE e desmantelar o complexo industrial”, remarcan.

PIDEN A CONVOCATORIA URXENTE DA MESA MULTILATERAL

Neste senso, as centrais sindicais van solicitar tamén reunión urxente da mesa multilateral para “pór en común coas Administracións as accións a seguir, coñecer que traballos concretos fixeron o Ministerio de Industria e a Xunta dende a última xuntanza no camiño de efectivizar a intervención pública, declarar o carácter estratéxico da produción de aluminio primario, como teñen previsto afrontar esta intervención se o TSXG asume as medidas cautelares e que alternativa baralla en caso contrario”.

“A estas alturas, non valen as medias tintas nin máis declaracións de intencións, as actuacións teñen que ser firmes e teñen que realizarse xa. Nin o Goberno español nin o galego poden permitir que o futuro de toda unha comarca e dun sector industrial estratéxico como o aluminio quede ao arbitrio das decisións dunha empresa privada“, conclúen as centrais.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...