A multinacional do aluminio Alcoa citou a unha xuntanza este mércores a representantes dos comités de empresa das súas tres plantas en España: San Cibrao, A Coruña e Avilés.
A firma non explicitou os motivos da reunión, que se celebrará ás 12.00 horas, o que motiva a incerteza dos traballadores. O presidente do comité de empresa da planta sancibrense, Xosé Paleo, da CIG, expón que “non sabemos nada, pero as sospeitas e a intranquilidade témolas”.
O representante dos traballadores prefire non falar de recortes nin facer cábalas sobre o anuncio que fará mañá a multinacional aos tres cadros de persoal e resalta que, malia que “tentamos averiguar o que puidemos”, os membros do comité seguen sen saber o motivo da chamada.
RENDEMENTOS POSITIVOS
Ao contrario que as factorías avilesina e coruñesa, en perdas, a planta de San Cibrao ofrece rendementos positivos, pero Paleo recoñece que hai preocupación, baseada nunha tarifa eléctrica “que lle está a facer dano ao sector do aluminio”.
TARIFA ELÉCTRICA
A factura da luz supón o 40% dos seus gastos de Alcoa e a empresa presiona cada ano para obter un prezo favorable. En 2012 chegou a ameazar con pechar as súas plantas españolas se perdía competitividade pola factura enerxética e, no 2015, plantexou un Ere de extinción finalmente retirado para as factorías da Coruña e Avilés.
A última subasta da enerxía produciuse no pasado mes de maio e repartiu incentivos eléctricos ata o mes de decembro. Segundo a multinacional, o prezo acadado foi peor ca o das anteriores poxas.
SUBA DO PREZO DA ALÚMINA
A esta circunstancia engádese a suba do prezo da materia prima, a alúmina, que se disparou dos 200 dólares a tonelada a principios de ano aos 400, 600 ou mesmo 800 durante os últimos meses.
Os obreiros de Avilés e A Coruña lamentaron ao longo das últimas semanas a “situación complexa” das plantas por este motivo.
UNS 1.600 TRABALLADORES
Calquera recorte de persoal na planta de San Cibrao sería un pau para a comarca da Mariña, dada a importancia da fábrica no tecido industrial da bisbarra.
A factoría cervense conta, segundo explica o presidente do comité, cuns 1.000 traballadores directos, aos que hai que engadir outros 600 postos de traballo indirectos de obreiros de empresas auxiliares.
Estímase que a fábrica cervense achega o 30% do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo. Na Coruña traballan uns 400 operarios, por arredor de 300 do cadro persoal de Avilés.