InicioEconomía(AMPLIADA) O comité de Alcoa agarda que esta semana se resolva sobre...

(AMPLIADA) O comité de Alcoa agarda que esta semana se resolva sobre as medidas cautelares

Os sindicatos insisten en que a solución ao conflito laboral en aluminio non virá da man dos xuíces, senón que depende "da decisión política" dos Gobernos

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao agarda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dicte esta semana unha resolución con respecto ás medidas cautelares solicitadas polos sindicatos CC OO, UGT e CIG en relación co Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar a multinacional, e que deixaría na rúa a 524 traballadores de persoal e a outros alomenos 400 das empresas auxiliares.

Entre outras medidas, na cautelar, cuxa solicitude foi avaliada nunha vista oral o pasado 28 de outubro, pídese a paralización do despedimento colectivo presentado por Alcoa, así como que se lle impida á multinacional apagar as cubas de electrólise, ata que haxa por parte dos tribunais unha sentenza sobre o proceso de despedimento colectivo.

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, opina que na vista celebrada a semana pasada na Coruña quedou “moi claro” que a multinacional norteamericana busca “facer dano ás instalacións e aos traballadores”, para que “nunca máis se volva a producir aluminio primario en España”.

Por outra banda, o presidente do comité de empresa tamén lles recordaba aos Gobernos central e autonómico que, neste momento, non poden eludir as súas responsabilidades e fiar o futuro da fábrica e de centos de postos de traballo a unha decisión xudicial.

“OS POLÍTICOS TEÑEN QUE FACER O SEU TRABALLO”

Despois de pronunciarse a ministra de Industria, Reyes Maroto, a través das redes sociais celebrando o laudo arbitral do Consello Galego de Relacións Laborais que nega a Alcoa a parada das cubas e dá a razón ao comité sobre as condicións da folga indefinida que continúa no complexo industrial, os traballadores insisten en que non hai outra solución que a política para o conflito laboral.

Zan dixo que “está ben que os xuíces decidan” sobre unha paralización cautelar dese ERE que podería deixar na rúa case un milleiro de traballadores e supoñer a “morte” da planta, pero insiste en que o futuro da fábrica e da produción de aluminio pasa por “unha decisión política“.

De feito, considera que o que está sucedendo, en realidade, é que “un estado de dereito está sendo atacado por unha multinacional”. Recorda que o comité e o persoal “xa fixeron o seu traballo. Un gran traballo durante moitos meses”, pero agora son os políticos quenes “teñen que facer o seu”.

CINCO PERSOAS COMO MÁXIMO NO CAMPAMENTO

Ante a situación epidemiolóxica na Mariña, con concellos como o de Viveiro e Cervo en alerta vermella por Covid-19, o comité decidiu que serán os sindicatos quenes manterán sempre a cinco persoas como máximo no campamento da folga indefinida. Por iso, pídese aos traballadores que non acudan sen antes estar apuntados para realizar a garda correspondente.

Ademais, “rógase ao persoal que manteña a distancia de seguridade” e a “máscara posta”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...