InicioEconomíaIndustria admite que a expropiación é legal "excepcionalmente" pero insta a "seguir...

Industria admite que a expropiación é legal “excepcionalmente” pero insta a “seguir os pasos” para unha venda

Blanco prioriza esgotar as vías xudiciais e de reclamación de axudas e lembra que un embargo suporía "resarcir a Alcoa", que "comunicou á Bolsa que quere pechar para aumentar ganancias"

Publicada o

- Advertisement -

O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, pronunciuse este luns sobre o conflito laboral de Alcoa nunha entrevista radiofónica. O representante do Ministerio mantivo a porta aberta a unha expropiación da planta de aluminio se a multinacional non retira o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado, que suporía o despedimento de máis de 900 traballadores -entre a factoría e a industria auxiliar- e a parada das cubas de electrólise, pero insiste nunha solución negociada.

MEDIDAS CAUTELARES E ERE

Sobre a solicitude de medidas cautelares para paralizar o ERE, cuxa vista oral se celebrou o pasado 28 de outubro, o secretario xeral de Industria dixo que “esperamos un pronunciamento” do tribunal “nos próximos días“.

Blanco reivindicou o papel das Administracións, destacando non só a “abundantísima documentación” presentada, senón tamén que “non é habitual que Xunta e Goberno se persoen nun caso dun ERE” e que avogados dos Gobernos estatal e autonómico “desen apoio á representación legal dos traballadores”.

O PAPEL DO ESTADO

“Hai informes do Estado e da Xunta moi contundentes, que desde que se aprobou a reforma laboral non se viron. Isto, hai que dicilo, son intervencións públicas. Que as Administracións estean presentes no Xulgado apoiando a parte social é intervención pública ao máis alto nivel, non é nada habitual”, remarcou.

“A intervención pública que se está levando a cabo non ten precedentes, falamos dunha mediación continua por parte do Ministerio de Industria, non só no conflito laboral senón tamén para propiciar unha venda, e mesmo para unha compra pública da planta a través da SEPI; actualmente, o Estado está persoado no proceso xudicial; non se atoparán casos precedentes, non hai comparativa do que se leva feito e do que se vai facer”, salientou.

EXPROPIACIÓN

Preguntado sobre unha posible expropiación, Blanco admitiu que o marco xurídico español e europeo permiten esta medida, aínda que matizou que “en casos excepcionais” e tentou facer ver os supostos lados negativos desta medida.

“Sobre a mesa están todos os escenarios que permitan o marco xurídico constitucional e comunitario. A expropiación está permitida en casos excepcionais. Hai que ver se é viable, pero iso pasa por resarcir a Alcoa, non sabemos se iso é o mellor”, expuxo.

Deste xeito, insistiu en falar da expropiación como último recurso. “Temos que ir paso a paso: medidas cautelares, proceso xudicial do ERE a nivel laboral, medidas no ámbito do cumprimento da normativa medioambiental e de axudas públicas, que fagan recapacitar a Alcoa sobre o conflito cruel e innecesario ao que está levando á Mariña e á economía galega, polo seu afán monopolístico. Confiamos nunha solución negociada”, indicou. Neste sentido, Blanco recalcou para apoiar a súa postura sobre a necesidade dunha solución negociada que “hai un laudo arbitral que vai nesa liña, a de non parar cubas”.

“Se non fose así, estúdanse todos os escenarios, para ter en conta calquera tipo de actuación”. Preguntado sobre se está decidido executar a expropiación en último caso e se Alcoa teima na súa folla de ruta, Blanco insistiu en que “estase estudando“.

A POSICIÓN DE ALCOA

“Alcoa ten unha posición indecente para pechar e manter prácticas monopolísticas, debe permitir o que é lexítimo; ela quere pechar para aumentar as ganancias, e así se llo comunicou ao regulador da Bolsa Americana, pero nós temos o interese lexítimo para que a planta siga adiante”.

ADMITE QUE O PERCIBIDO POR ALCOA EN MATERIA DE INTERROMPIBILIDADE NON SE PODE DEVOLVER

Sobre a posibilidade de reclamar a Alcoa diñeiro público, Blanco foi claro; tal e como sostiña a multinacional, o secretario xeral de Industria recoñeceu que non se pode esixir á empresa o percibido en materia de interrompibilidade.

“A interrompibilidade non son axudas, é un servizo que os principais consumidores de enerxía prestan a Red Eléctrica Española. Ao ser un servizo que xa foi prestado e retribuído, non é recuperable”, dixo. “Diferente é o caso das axudas por CO2 e por eses conceptos, se incumpre, Alcoa será requerida a devolvelas. Por parte do Ministerio de Industria non hai máis elementos (que reclamar), porque ao negarse a investir tampouco houbo axudas ao investimento por parte de Industria”.

Deste xeito, a entrevista de Blanco testemuña o modus operandi da empresa e en que consistiu o servizo de interrompibilidade inspirado polos Gobernos do Partido Popular para compensar o prezo da enerxía: foi a vía ofrecida a empresas como Alcoa -que percibiu case 800 millóns en dez anos- para recibir cartos públicos sen compromiso de investimento.

ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS

Blanco foi requerido tamén polo estatuto das electrointensivas, sobre o que o Goberno comprometeu prazos en varias ocasións; o propio secretario xeral de Industria falou de outubro, mes que vén de rematar sen que se concretara o documento.

“Dar un calendario sobre o estatuto demostra a súa complexidade, queda o refrendo final da Comisión Europea, no que levamos traballando dous anos, e o dictame do Consello de Estado; estamos nas últimas semanas”, explicou.

COMPENSACIÓNS POR CO2

Respecto das axudas á industria electrointensiva, á espera de que se concrete o estatuto, Blanco dixo que “hai un orzamento previsto. Nos presupostos prorrogados de 2018 había previsto seis millóns; coa colaboración de Transición Ecolóxica chegaremos a 60 millóns de euros -nas compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2)-, o que supón multiplicar por dez os recursos; nos orzamentos xerais do Estado figuran 191 millóns. Este ano as circunstancias son excepcionais e non fai falla que recorde os motivos, pero temos a vontade de chegar anualmente ao máximo permitido por Bruxelas”, argumentou.

A CORUÑA E AVILÉS

Blanco foi preguntado tamén pola situación das plantas da Coruña e Avilés, sen plan industrial ao ser vendidas por Alcoa a proxectos especulativos, co aval do Estado. “Quen ten que responder sobre as fábricas (coruñesa e avilesina) é Alcoa. Ten que dicir se a venda realizada cumpre os requisitos e ten que aclarar por que segue financiando aos actuais propietarios cando hai demandas por parte dos traballadores”, explicou.

Preguntado sobre se San Cibrao corre o risco de acabar da mesma maneira, destacou que “Liberty House non é un fondo, ten plantas de aluminio e aceiro en Europa e é un socio industrial distinto”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...