InicioEconomíaReaccións: o Goberno cre o auto "un éxito sen predecentes" e "segue...

Reaccións: o Goberno cre o auto “un éxito sen predecentes” e “segue tendendo a man” a Alcoa

A Xunta agarda que a resolución que impide a parada das cubas sexa "un punto de inflexión" para que a multinacional "recapacite" e acceda a vender a planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

A ministra de Industria, Reyes Maroto, apunta que segue “tendendo a man” a Alcoa en busca dun acordo para “buscar solucións para a planta de San Cibrao” tralo auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ordena non parar as cubas de electrólise, o que considera “un éxito sen precedentes”.

Nun comunicado, celebra esta decisión do alto tribunal galego ao atender as reclamacións dos traballadores, mentres destaca que o TSXG considera ao Ministerio e á Xunta de Galicia parte interesada no conflito ao apoiar que a planta siga en funcionamento.

Por iso, Maroto considera que esta decisión é un bo precedente que permite manter activa a planta e preservar os postos de traballo, á vez que apela a chegar a un acordo.

Lembra que na vista, o Goberno expresou a súa postura a favor de dúas medidas cautelares: a paralización do expediente de regulación de emprego (ERE) que afectaría a 524 persoas na fábrica de aluminio -ademais de afectar a outros arredor de 400 empregos na industria auxiliar- e o adiamento da paralización das cubas ata que un tribunal determine se o despedimento colectivo é unha fraude de lei.

CONDE: “SE ALCOA NON VOLVE Á SENDA DO DIÁLOGO PEDIREMOS A INTERVENCIÓN”

Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, valorou que a decisión do tribunal de impedir á empresa a paralización das cubas permite “seguir adiante desde a unidade de acción cos traballadores” para acadar o “obxectivo último” de “continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao e, polo tanto, o mantemento dos postos de traballo”.

“Esta decisión dá a razón tanto aos traballadores como ás Administracións, que levamos semanas demandando a Alcoa que volva á senda do diálogo: a mellor saída para todas as partes é que acepte a venda da planta de aluminio primario. En ningún caso, podemos contemplar o peche da única fábrica que produce neste momento aluminio primario en España como unha opción. Carece de calquera sentido desde o punto de vista empresarial, económico ou estratéxico“, xulgou.

Alcoa “segue estando a tempo de recapacitar”, expuxo Conde, que agardou que a resolución “supoña un punto de inflexión para que a empresa acepte sentarse de novo a dialogar e chegar a un acordo. De persistir na súa teima de non dialogar e de insistir na paralización das cubas, a Xunta xa deixou claro que lle pedirá ao Goberno a intervención temporal da planta de aluminio”, argumentou, para concluír solicitando ao Executivo central que convoque a mesa de traballo comprometida ao comité de empresa.

O BNG DI QUE “AGORA CORRESPONDE ÁS ADMINISTRACIÓNS ACTUAR” E LEMBRA OS ACORDOS SOBRE A INTERVENCIÓN

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apuntou que agora “corresponde ás Administracións actuar”, xa que está “claro” que a solución para Alcoa só vai vir con “medidas do ámbito político e non xudicial“.

A este respecto, lembra que o Bloque presentou a semana pasada unha iniciativa no Congreso para que se fixe un calendario público de intervención de Alcoa para garantir a actividade e o emprego.

Así mesmo, apela ao Goberno a non ser “insensible” e a cumprir o acordo alcanzado no Congreso para que se proceda a unha intervención, posto que a empresa non accede a unha venda a outra empresa -a siderúrxica británica Liberty Houseou á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

CABALLERO ESIXE Á EMPRESA QUE ACABE COA “CHANTAXE”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou á multinacional que “deixe a chantaxe” e leve a cabo a venta da planta lucense ao investidor interesado ou á propia SEPI, unha opción xa formulada polo Ministerio de Industria.

“Alcoa ten que poñer fin á súa estratexia de desmantelar a factoría de San Cibrao para reducir a súa competencia na produción de aluminio”, incidiu o líder do PSdeG, quen valorou que a decisión xudicial, unida á fronte común do Goberno de España e a Xunta, ten que servir para “manter toda a presiónsobre a empresa.

E é que, como dixo, a multinacional “ten que asumir a venda dunha factoría que é viable” e para a que o Ministerio de Industria “atopou un investidor interesado en manter a actividade industrial e os postos de traballo”.

EN COMÚN LAMENTA QUE A SENTENZA “NON CONTEMPLE UNHA MAIOR DEFENSA” DO PERSOAL E URXE A INTERVENCIÓN

O portavoz de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, considerou positivo que a xustiza acepte algunhas das medidas cautelares pedidas polos sindicatos en relación ao peche da planta de aluminio de Alcoa porque “é unha boa nova que a xustiza lle pare os pés a unha multinacional que non actuou de boa fe en ningún momento do proceso”.

No entanto, o líder de Podemos Galicia tamén lamentou que a sentenza do Alto Tribunal galego non contemple unha “maior defensa dos traballadores da factoría que levan moitos meses de loita”, ao negar a petición da paralización dos despedimentos por parte dos sindicatos.

Por iso Gómez-Reino reiterou “a necesidade de que se interveña a factoría lucense para desbloquear unha situación que só xera incerteza por centos de familias na Mariña”.

O ALCALDE DE CERVO VE A RESOLUCIÓN “ESPERANZADORA” E RECLAMA A ALCOA QUE NEGOCIE

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, calificou de “boa nova” a concesión das medidas cautelares por parte do TSXG.

Villares indicou que a medida é “positiva e esperanzadora” de cara a lograr o obxectivo que todos perseguimos que non é outro que “manter o 100% do emprego e que o aluminio primario se siga a producir na Mariña”.

O rexedor cervense agarda que esta prohibición expresa de deter as cubas “supoña unha volta á senda do diálogo por parte da empresa” para que sente de novo a negociar co Comité e coas Administracións en aras de chegar a un acordo que salve o emprego e a produción do aluminio, “capital para toda unha comarca que leva xa demasiados meses co corazón nun puño”.

A MANCOMUNIDADE CRE “MOI IMPORTANTE” O AUTO PARA QUE POIDA FRUTIFICAR UNHA VENDA

Pola súa banda, o alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, destacou que aínda o auto “non recolle todas as demandas dos sindicatos si que ordena, de forma moi clara, á empresa Alcoa a absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas. Non pode facelo por orde xudicial. Isto é moi importante para manter viable a planta, para que se poida facer efectiva dunha vez esa compra por parte de Liberty House, que esperamos todos; que Alcoa venda xa a planta e que permita seguir fabricando aluminio de calidade na comarca cun proxecto industrial viable, para o que estamos todos presionando”, manifestou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...