UGT reclama ao Goberno “cambiar” a reforma laboral tralo auto das cautelares de Alcoa

Pepe Álvarez sinala sobre o fallo que o TSXG "entrou onde o lexislador non tivo valor a facelo"

Pepe Álvarez, nunha rolda de prensa en Viveiro na pasada primavera. EP/GC

O secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, manifestou que o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre as medidas cautelares solicitadas polos sindicatos, que lle impide a Alcoa a paralización das cubas da planta de aluminio de San Cibrao, aínda que non executar os despedimentos, debera “facer reflexionar ao Goberno” co obxectivo de “cambiar a reforma laboral“.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, coincidindo coa súa presenza no congreso de UGT A Coruña-Cee, asegurou sobre o fallo que o alto tribunal entrou “onde o lexislador non tivo o valor” de facelo. “É unha interpretación boa para Galicia, para os traballadores de Alcoa”, sinalou sobre o contido da sentenza.

Por outra banda, recalcou que se constata que “se se produce un peche durante unha negociación e se executan -os despedimentos- o proceso é case sempre irreversible“, apostilou ao reclamar cambios na reforma laboral.

Ademais, incidiu en que o seu obxectivo é que a multinacional “sexa consciente de que de Galicia e de España non se vai ‘ir de rositas‘”. “Ten que sentar a negociar de boa fe e proceder á venda“, argumentou. No entanto, expuxo que o Goberno debe dar tamén “un paso adiante“.

Declarar un sector estratéxico o aluminio primario e empezar o proceso de alleamento de Alcoa para ir a un proceso de venda”, expuxo considerando que existen opcións para que Liberty House quede tamén “coas fábricas da Coruña e Avilés“.

“Non hai que cantar vitoria, pero si se abren novas expectativas”, sinalou o dirixente de UGT, para quen, se non hai cambios por parte da multinacional, o Executivo “debe intervir” a planta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here