Alcoa garda silencio sobre a proposta do comité de empresa de San Cibrao, que este luns ofreceuse a relaxar ou mesmo levantar a folga indefinida que mantén no complexo industrial de Cervo, se a compañía accede a retirar o expediente de regulación de emprego (ERE) que pesa sobre a planta de aluminio e negociar unha venda da mesma.
“Non podemos especular sobre situacións hipotéticas“, aseguraron fontes da empresa, que lembran que “xa houbo un proceso de venda da planta de aluminio”. As Administracións e os sindicatos coincidiron en responsabilizar á “mala fe” de Alcoa do fracaso das conversas coa siderúrxica británica Liberty House, a quen a propietaria das instalacións teima en culpar: “a parte supostamente interesada fixo propostas fóra do mercado e fóra do acordo ao que se chegou cos traballadores” para ampliar o período de consultas do ERE, argumenta. A titular da planta rexeitou tamén unha oferta da Sociedade Estatal de Participacións Insdustriais (SEPI).
Preguntadas polo impacto económico da folga indefinida que mantén o persoal, que os sindicatos cifran en perdas de 50 millóns de euros mensuais, as mesmas fontes cuestionan “de onde proveñen eses datos” pero tampouco ofrecen unha estimación, máis alá de insistir -nunha contía posta en dúbida por Administracións e sindicatos- en que a empresa “perde un millón de euros semanais” coas cubas operativas, tal e como pedían os traballadores, a quenes deu a razón tanto o Consello Galego de Relacións Laborais como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
MESA MULTILATERAL
Sobre a posibilidade de recorrer ao auto do TSXG sobre as medidas cautelares, Alcoa, que por agora non tramitou cartas de despedimento, insiste en que se está “estudando”.
A multinacional tampouco aclarou se foi convocada á mesa multilateral convocada polo Goberno central para o pasado luns, un punto que non concretou o Executivo central. En principio, a empresa non participará no encontro telemático da vindeira semana con Xunta de Galicia, comité e sindicatos.