A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) propón recuperar o dique norte de Alcoa, en Morás, para tráfico xeral e a constitución dunha Autoridade Portuaria de Lugo.
Para o colectivo de empresarios, deste xeito aproveitaríanse de forma “efectiva” os recursos xerados polos portos da provincia.
O secretario da CEL, Jaime López, subliña nun comunicado que malia a importancia de Alcoa para A Mariña, a súa implicación coa comarca é “relativa” ao tratarse dunha multinacional.
A MARCHA DE ALCOA, “POSIBLE”
“O problema económico e social que pode provocar a súa marcha (sen dúbida posible) é dunha gravísima magnitude”, prosegue.
Por iso, a agrupación de empresarios lucense considera que a liberalización do dique norte antes que que remate a concesión -que caduca no 2023-, é “imprescindible” para habilitar alternativas a un posible peche da planta.
López argumenta que o “efecto dinamizador” do porto “sería inestimable para a economía mariñá”.
VELLA REIVINDICACIÓN
A liberalización do dique norte, unha instalación en desuso que desfruta en exclusiva Alcoa para abrigar o muelle sur, onde se centra a actividade do complexo do aluminio, é unha vella reivindicación. Hai máis dunha década, o Goberno central e a Xunta de Galicia iniciaron contactos para acadar este propósito sen que se concretase unha solución.
López subliña que “no 2010 realizouse un estudo que consideraba viable a apertura sen interferir na actividade de Alcoa”.