InicioEconomíaEuroarce prevé comezar a explotar as minas de caolín de Burela en...

Euroarce prevé comezar a explotar as minas de caolín de Burela en dous anos e crear “uns 40 empregos”

A marca aragonesa e os comuneiros asinaron un acordo de cesión de 22 hectáreas por un prazo de 30 anos; a empresa construirá unha nova planta cun investimento estimado de dez millóns

Publicada o

- Advertisement -

A Comunidade de Montes en Man Común de Burela asinou o contrato de arrendamento de terreos comunais coa empresa Euroarce Caolines, S. L., que explotará durante un período de 30 anos a superficie das minas de caolín que pertence á agrupación burelá. O proxecto mineiro retomará unha actividade paralizada desde o ano 2015. A firma agarda que a explotación, segundo expuxo o conselleiro delegado, José Manuel Saldaña, poida estar en marcha nun prazo duns “de dous anos“, ofrecendo “entre 35 e 40 empregos directos”.

Saldaña e a presidenta dos comuneiros de Burela, Bríxida Pino Lestao, asinaron o acordo este xoves, na área recreativa do Monte Castelo. “Agradecemos á Comunidade de Montes que permitise retomar a actividade. Queremos transmitir a seguridade de que este é o inicio dun proxecto para moitos anos”, expuxo o dirixente da empresa, que segundo concretou mercou todos os dereitos mineiros que tiña Ecesa sobre a área.

PENDENTE DE AUTORIZACIÓN DO SERVIZO PROVINCIAL

Euroarce, empresa aragonesa de materias primas para o sector cerámico e que pertence ao grupo Samca, realiza así a súa primeira incursión en Galicia. O acordo cos comuneiros permítelle explotar as reservas que haxa nas parcelas que sexan titularidade da agrupación por unha duración de tres décadas. A superficie que entra dentro do convenio abrangue 22 hectáreas -o anterior contrato era por sete-. Os comuneiros cobrarán unha cantidade anual, e a firma comprométese ao mantemento de camiños e accesos, así como a que calquera modificación nos mesmos se faga de mutuo acordo coa outra parte.

Segundo concretou Saldaña, a previsión da empresa é que, “simultaneamente“, se poidan explotar catro ou cinco hectáreas. Euroarce comunicará anualmente á Comunidade de Montes que partes serán traballadas durante o exercicio.

Trátase dun primeiro paso para o inicio da actividade, que depende da autorización á transmisión dos dereitos por parte do Servicio Provincial de Minas, un permiso que se espera obter “este ano”.

REVISARANSE POSIBLES PROBLEMAS DE SEGURIDADE

Unha vez obtido, concreta o dirixente de Euroarce, “a intención é traballar en varias vías. Unha delas é a consolidación e revisión dos posibles problemas de seguridade que poida haber, e outra completar a investigación de todo o xacemento para definir tanto as reservas como as zonas futuras a explotar”, a fin de construír unha nova planta de explotación, cuxa ubicación virá delimitada polo mencionado estudo, aínda que en principio afastarase da vila para posicionarse en pleno xacemento. O investimento ascendería a dez millóns de euros. “Agardamos que nun prazo de dous anos poida ser unha realidade”, precisou.

AGÁRDANSE RECUPERAR CLIENTES “HISTÓRICOS” DE ALEMAÑA E O NORTE DE EUROPA

“Parte do que se produza aquí será para consumo interno e outra parte para clientes históricos que esperamos recuperar, de papeleiras que había en Alemaña e porcelanas do norte de Europa. Os caolíns de Burela foron sempre recoñecidos por unha calidade excepcional, e teñen recoñecemento a nivel europeo. Todo o mundo que estea no sector cerámico ou papeleiro sabe que este municipio é sinónimo deste material. Foi o primeiro sitio de España no que se fixo pavimento cerámico de pasta branca”, lembrou.

No tocante á saída do material, Saldaña dixo que “dependerá do destino. Estamos interesados en que poida saír polo porto, e a Administración mostrou a súa predisposición a retomar o convenio que existía con anterioridade. A saída lóxica para exportación sería por barco”, abundou.

ARREDOR DE CEN EMPREGOS DIRECTOS E INDIRECTOS

No relativo ao emprego, “coa planta construída prevemos empregar a entre 35 e 40 persoas”, sinalou. Contando o transporte e outros servizos que serán subcontratados, “os postos de traballo directos e indirectos ascenderán probablemente a arredor dun centenar”, engadiu.

A PARTE CERVENSE DO XACEMENTO, Á ESPERA DE ACORDO COA COMUNIDADE DE SAN ROMÁN

Con respecto á parte do xacemento que pertence ao termo municipal de Cervo, Saldaña confirmou que a empresa manterá nas próximas datas unha reunión coa Comunidade de Montes de San Román de Villaestrofe, a fin de poder utilizala, un obxectivo sobre o que a agrupación “amosou boa disposición”, indicou o dirixente, esperando chegar a un acordo “nas mesmas condicións o máis brevemente posible”.

OS COMUNEIROS VALORAN “O EMPREGO E A VIDA ECONÓMICA” QUE PODE DAR O PROXECTO

Pino Lestao valorou no nome da agrupación “o emprego e a vida económica que pode dar a Burela e á Mariña. Todo o relacionado co caolín neste municipio foi moi importante. Gres Burela foi unha empresa modélica, empregou un montón de mulleres, que hoxe están a cobrar a súa pensión, posto que deu traballo legal e beneficioso a toda unha zona”, remarcou.

A dirixente da Comunidade de Montes salientou que “entendimos sempre que Burela foi historicamente un lugar de traballo de xente da Mariña”, unha cuestión que puxo de manifesto a Euroarce, que se compromete a que os empregados procedan principalmente da bisbarra. “Necesitámolo polos problemas que temos”, subliñou.

A presidenta dos comuneiros referiuse tamén á débeda coa anterior concesionaria, Área Minera del Atlántico. “Temos pendente de pago ata o ano 2014”, indicou, agardando “podendo recuperala integramente, aínda que é complicado”. Para a sinatura do contrato rescindiuse o acordo, do 1999 e por 25 anos, coa anterior concesionaria.

O ALCALDE COMPROMETE “TODO O APOIO POSIBLE”

Pola súa banda, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, prometeu que o Concello “fará todo o posible” porque o proxecto mineiro “se poña en marcha, porque dea bo emprego e ofreza un bo material. Dámoslle a benvida ao municipio”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...