A Comunidade de Montes en Man Común de Burela asinou o contrato de arrendamento de terreos comunais coa empresa Euroarce Caolines, S. L., que explotará durante un período de 30 anos a superficie das minas de caolín que pertence á agrupación burelá. O proxecto mineiro retomará unha actividade paralizada desde o ano 2015. A firma agarda que a explotación, segundo expuxo o conselleiro delegado, José Manuel Saldaña, poida estar en marcha nun prazo duns “de dous anos“, ofrecendo “entre 35 e 40 empregos directos”.
Saldaña e a presidenta dos comuneiros de Burela, Bríxida Pino Lestao, asinaron o acordo este xoves, na área recreativa do Monte Castelo. “Agradecemos á Comunidade de Montes que permitise retomar a actividade. Queremos transmitir a seguridade de que este é o inicio dun proxecto para moitos anos”, expuxo o dirixente da empresa, que segundo concretou mercou todos os dereitos mineiros que tiña Ecesa sobre a área.
PENDENTE DE AUTORIZACIÓN DO SERVIZO PROVINCIAL
Euroarce, empresa aragonesa de materias primas para o sector cerámico e que pertence ao grupo Samca, realiza así a súa primeira incursión en Galicia. O acordo cos comuneiros permítelle explotar as reservas que haxa nas parcelas que sexan titularidade da agrupación por unha duración de tres décadas. A superficie que entra dentro do convenio abrangue 22 hectáreas -o anterior contrato era por sete-. Os comuneiros cobrarán unha cantidade anual, e a firma comprométese ao mantemento de camiños e accesos, así como a que calquera modificación nos mesmos se faga de mutuo acordo coa outra parte.
Segundo concretou Saldaña, a previsión da empresa é que, “simultaneamente“, se poidan explotar catro ou cinco hectáreas. Euroarce comunicará anualmente á Comunidade de Montes que partes serán traballadas durante o exercicio.
Trátase dun primeiro paso para o inicio da actividade, que depende da autorización á transmisión dos dereitos por parte do Servicio Provincial de Minas, un permiso que se espera obter “este ano”.
REVISARANSE POSIBLES PROBLEMAS DE SEGURIDADE
Unha vez obtido, concreta o dirixente de Euroarce, “a intención é traballar en varias vías. Unha delas é a consolidación e revisión dos posibles problemas de seguridade que poida haber, e outra completar a investigación de todo o xacemento para definir tanto as reservas como as zonas futuras a explotar”, a fin de construír unha nova planta de explotación, cuxa ubicación virá delimitada polo mencionado estudo, aínda que en principio afastarase da vila para posicionarse en pleno xacemento. O investimento ascendería a dez millóns de euros. “Agardamos que nun prazo de dous anos poida ser unha realidade”, precisou.
AGÁRDANSE RECUPERAR CLIENTES “HISTÓRICOS” DE ALEMAÑA E O NORTE DE EUROPA
“Parte do que se produza aquí será para consumo interno e outra parte para clientes históricos que esperamos recuperar, de papeleiras que había en Alemaña e porcelanas do norte de Europa. Os caolíns de Burela foron sempre recoñecidos por unha calidade excepcional, e teñen recoñecemento a nivel europeo. Todo o mundo que estea no sector cerámico ou papeleiro sabe que este municipio é sinónimo deste material. Foi o primeiro sitio de España no que se fixo pavimento cerámico de pasta branca”, lembrou.
No tocante á saída do material, Saldaña dixo que “dependerá do destino. Estamos interesados en que poida saír polo porto, e a Administración mostrou a súa predisposición a retomar o convenio que existía con anterioridade. A saída lóxica para exportación sería por barco”, abundou.
ARREDOR DE CEN EMPREGOS DIRECTOS E INDIRECTOS
No relativo ao emprego, “coa planta construída prevemos empregar a entre 35 e 40 persoas”, sinalou. Contando o transporte e outros servizos que serán subcontratados, “os postos de traballo directos e indirectos ascenderán probablemente a arredor dun centenar”, engadiu.
A PARTE CERVENSE DO XACEMENTO, Á ESPERA DE ACORDO COA COMUNIDADE DE SAN ROMÁN
Con respecto á parte do xacemento que pertence ao termo municipal de Cervo, Saldaña confirmou que a empresa manterá nas próximas datas unha reunión coa Comunidade de Montes de San Román de Villaestrofe, a fin de poder utilizala, un obxectivo sobre o que a agrupación “amosou boa disposición”, indicou o dirixente, esperando chegar a un acordo “nas mesmas condicións o máis brevemente posible”.
OS COMUNEIROS VALORAN “O EMPREGO E A VIDA ECONÓMICA” QUE PODE DAR O PROXECTO
Pino Lestao valorou no nome da agrupación “o emprego e a vida económica que pode dar a Burela e á Mariña. Todo o relacionado co caolín neste municipio foi moi importante. Gres Burela foi unha empresa modélica, empregou un montón de mulleres, que hoxe están a cobrar a súa pensión, posto que deu traballo legal e beneficioso a toda unha zona”, remarcou.
A dirixente da Comunidade de Montes salientou que “entendimos sempre que Burela foi historicamente un lugar de traballo de xente da Mariña”, unha cuestión que puxo de manifesto a Euroarce, que se compromete a que os empregados procedan principalmente da bisbarra. “Necesitámolo polos problemas que temos”, subliñou.
A presidenta dos comuneiros referiuse tamén á débeda coa anterior concesionaria, Área Minera del Atlántico. “Temos pendente de pago ata o ano 2014”, indicou, agardando “podendo recuperala integramente, aínda que é complicado”. Para a sinatura do contrato rescindiuse o acordo, do 1999 e por 25 anos, coa anterior concesionaria.
O ALCALDE COMPROMETE “TODO O APOIO POSIBLE”
Pola súa banda, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, prometeu que o Concello “fará todo o posible” porque o proxecto mineiro “se poña en marcha, porque dea bo emprego e ofreza un bo material. Dámoslle a benvida ao municipio”, concluíu.