O Parlamento de Galicia aprobou este xoves a proposición non de lei do grupo parlamentario do PP a través da que se demanda ao Goberno central que realice os estudos que acrediten, diante de ICES e a Comisión Internacional para a conservación do atún atlántico (ICCAT), “o bo estado do stock de bonito do norte e, conseguintemente, permita un aumento do Total Admitido de Capturas (TAC) asignado a esta especie no atlántico norte. Así mesmo, demándase a negociación e a adopción de medidas para poder estender a duración da campaña e a rendibilidade económica da campaña”, expuxo o partido conservador a través dun comunicado.
O deputado do grupo popular, José Manuel Balseiro, explicou que a campaña do bonito do norte desenvólvese nos meses de xuño a setembro, coa participación de preto de 300 barcos, moitos deles procedentes dos principais portos pesqueiros de Galicia. Neste 2020, a campaña rematou antes do esperado, o 19 de agosto, logo de que o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación publicase a resolución pola que decretaba o seu peche, ao terse consumido a cota deste ano. “Estamos ante a campaña máis curta da historia desta pesquería e a quinta de forma consecutiva que remata no mes de agosto”, lamentou.
Balseiro indicou que “a cota do bonito que lle corresponde a España segue a ser insuficiente, xa que en 2020 só dispuxo de 16.300 toneladas”, a pesar de que “hai abundancia do recurso e a cota podería aumentarse nun 12 por cento mediante acordo do Comisión Internacional para a conservación do atún atlántico, pero a realidade é que a suspensión da súa sesión plenaria podería non supoñer cambios”.
A COVID-19 DIFICULTA A SITUACIÓN DA FROTA
“Pero é que este ano, por mor da Covid-19, esta frota acumula maior problemática derivada de dous impactos directos: por unha banda, as restricións pola adopción das medidas sanitarias, xa que moitos barcos tiveron contaxiados a bordo e non puideron aproveitar a costeira; e as limitacións de acceso ao mercado, xa que parte da canle hostalería e restauración está fóra ou xerando unha demanda inferior”, lamentou.
“É preciso que nesta demanda do que nos é propio por dereito o Goberno central se sume aos argumentos da Xunta de Galicia e apoie á nosa frota para acadar un resultado positivo nesta negociación”, concluíu Balseiro.
A CÁMARA RECLAMA Á XUNTA UN NOVO PLAN DE XESTIÓN DO POLBO, A PETICIÓN DOS SOCIALISTAS
Na mesma comisión de pesca aprobouse unha proposta do PSdeG para elaborar un novo plan de xestión do polbo consensuado co sector “que permita recuperar esta especie”. “O sector fai unha chamada urxente de auxilio”, asegurou a voceira dos socialistas neste ámbito, Patricia Otero, no debate da proposición non de Lei no Parlamento.
A dirixente socialista incidiu na necesidade de “recuperar unha especie da que viven 2.000 familias” cando “nos primeiros dez días trala veda, as capturas desta especie pola frota galega caeu un 85%”. Así, lamentou que “fronte aos 5.000 quilos capturados o primeiro día de levantamento da veda en 2015”, este 2020, “só se capturaron 500”.
Otero reivindicou a participación do sector “na toma decisións sobre a xestión dos recursos”. Así, asegurou que as confrarías propuxeron diversas actuacións para paliar a escaseza, como “decretar unha paralización da actual campaña ou articular medidas compensatorias para os naseiros durante estes meses”, que “non tivo en conta” a Xunta de Galicia.