InicioEconomíaO comité avisa a Alcoa e Goberno de que persistirá na folga...

O comité avisa a Alcoa e Goberno de que persistirá na folga se seguen a fiar a solución aos xulgados

Os sindicatos aseguran que Executivo central e Xunta "serán responsables" se despois da sentenza sobre a impugnación do ERE non hai solución ao conflito laboral

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa da planta de Alcoa San Cibrao, en Cervo, acusou á multinacional e ao Goberno de España de “enrocarse” en esperar ao xuízo sobre o despedimento a 524 traballadores que se celebrará o próximo 3 de decembro no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e avisou: “de continuar esta posición inmobilista por parte dos dous, os que non imos mover a folga indefinida somos nós”.

Así o afirmou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, despois de que este luns a multinacional reiterase a súa negativa á venda durante a mesa multilateral polo futuro da planta.

Con esta ameaza de levar a folga indefinida –iniciada a principios do pasado mes de outubro– máis aló do xuízo, recordou que os traballadores fixeron “unha oferta moi clara, que é que antes do 3 de decembro se senten a negociar”.

“Tanto Alcoa como o Goberno se enrocan e ninguén sabe desa solución para buscar unha saída. A partir do 3 de decembro a situación é distinta, serán responsables a Xunta de Galicia e o Goberno central, que din que van da man e actualmente non teñen nada”, engadiu, á vez que tachou de “bochornoso” que o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, “se quixese apuntar o tanto das mobilizacións cando non fixo nada, nin sequera o estatuto electrointensivo“.

SITUACIÓN “ESTRAMBÓTICA”

Zan cualificou toda a crise de San Cibrao, cun despedimento colectivo presentado pola firma que ameaza con suprimir máis de 900 empregos –tendo en conta un seguro impacto na industria auxiliar-, como “un pouco estrambótica” e lamentou que o Estado “non toma ningunha decisión e simplemente déixao todo en mans dos xulgados“. De feito, o presidente do comité de empresa queixouse porque “non contesta ás preguntas que se lles fan”.

“Onte preguntóuselles se había que esperar a que acabasen todos os trámites xudiciais. Preguntóuselles cales eran eses trámites xudiciais si eses trámites acababan o 3 de decembro si ou hai que esperar ao recurso ao Supremo“, relatou. “Pouco marxe ou pouca alegría podemos ter os traballadores con respecto ao que está facendo o Goberno para axudar a este persoal”, resumiu Zan.

UGT: “CHEGOU O MOMENTO DAS DECISIÓNS POLÍTICAS INMEDIATAS”

O sindicato UGT ofreceu este martes a súa versión sobre a mesa multilateral. A central considera que a solución non só pasa pola vía xudicial, senón que tamén urxen decisións “políticas inmediatas. Chegou o momento de que as Administracións poñan todo da súa parte para que se solucione este conflito”, argumenta.

Por outra banda, UGT esíxelle a Alcoa que “abandone a postura” que mantén desde o inicio do proceso que sempre foi “deter a produción e deslocalizar o aluminio primario a outros países, cesando así máis dun milleiro de empregos”.

UGT concretou que as Administracións puxéronse en contacto co presidente de Alcoa, Roy Harvey, solicitándolle a posibilidade de chegar a unha solución negociada deste conflito, tal e como pedían os traballadores, “non obtendo pola súa banda unha resposta satisfactoria. A empresa segue manifestando que os seus máximos quedaron patentes na súa proposta do día 27 de setembro, alegando que ningunha circunstancia cambiou desde esa data”, indica o sindicato.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...