A CIG demándalle á Xunta de Galicia que traslade os mariñeiros do Adviento Uno que resultaron contaxiados de coronavirus -toda a tripulación- aos seus domicilios, ou a outro lugar que cumpra cos requisitos sanitarios, “para que estas 17 persoas poidan pasar a corentena en condicións adecuadas”. A central sindical critica que “o Goberno autonómico non conte cun protocolo claro e efectivo, cando xa hai precedentes similares, e demanda da Administración galega que actúe de inmediato porque sobran sitios onde atender dignamente a estes traballadores”. Trátase dunha petición da tripulación da nave.
A central nacionalista sinala que un barco pesqueiro “non é un lugar axeitado nin polas súas dimensións, nin pola súa dotación, nin polas súas condicións sanitarias para pasar a corentena por coronavirus, polo que reclama da Consellaría de Sanidade que poña en marcha o dispositivo para iniciar de inmediato o traslado destas persoas aos seus domicilios ou, no seu caso, que habilite unhas dependencias para poder instalar nelas os mariñeiros con todas as garantías sanitarias”. O responsable de Mar da CIG, Xabier Aboi, censura que “non pode ser que a Xunta confine a xente en barcos e non reaccione até que a opinión pública se revela”.
Por iso, e para “evitar que se repitan situacións similares”, a FGAMT-CIG reclámalle á Consellaría do Mar e á Consellaría de Sanidade “que establezan un protocolo de actuación tanto para os posíbeis casos detectados nas embarcacións como para os positivos confirmados, con criterios claros e precisos para os traballadores e armadores e para as instalacións portuarias, e no que se especifique tamén o proceso de traslado do persoal afectado e a onde ten que ir. Non é normal que a solución sexa pechar o barco cos doentes dentro sen ofrecer ningunha alternativa, cando noutras ocasións si se buscaron”, denuncia Aboi.
A CENTRAL PIDE PCR AOS MARIÑEIROS ANTES DE EMBARCAR
A este respecto, e tendo en conta “a diversa nacionalidade das tripulacións”, a central sindical considera oportuno “acondicionar unha rede de espazos nos que os mariñeiros poidan pasar corentenas ou illamentos en condicións dignas e seguras, aproveitando para isto a rede de Casas do Mar e oficinas locais do ISM, moitas das cales están na actualidade sen uso ou infrautilizadas”.
De igual maneira, a CIG pide “estremar a seguridade e as medidas preventivas para os traballadores que teñen que saír ao mar e que se realicen PCR aos mariñeiros antes de embarcar, tendo en conta o contacto permanente no que están, a imposibilidade de manter a distancia de seguridade e as dificultades para acceder ao sistema sanitario de maneira urxente”.
RECLAMACIÓN DAS FAMILIAS E DOS TRABALLADORES
Así o reclamou a muller dun dos mariñeiros do Siempre Antares, con base en Celeiro, no que faleceu un dos tripulantes malia ser evacuado en helicóptero á Coruña. Outros nove traballadores do buque resultaron infectados.