A impugnación da asemblea de Sargadelos resolverase pola vía xudicial

O xuíz decidirá se valida dúas gravacións achegadas por UXT no proceso por vulneración de dereitos

Segismundo García. AXM

A impugnación da asemblea de traballadoras da planta cervense de Sargadelos que revocou á delegada da UXT, Rogelia Mariña, resolverase pola vía xudicial despois de que non houbese acordo no acto de conciliación celebrado en Viveiro este venres.

O sindicato presentou a reclamación ao entender que o voto da asemblea estivo condicionado por un contexto de conflito laboral, ante a ameaza de peche da fábrica feita polo conselleiro delegado, Segismundo García, que anunciou 49 despedimentos “ante a presión sindical”.

A UXT, que demandou ás 61 traballadoras que votaron na asemblea por necesidades procesais, pediu a restitución da sindicalista, que non prosperou. Polo tanto, será o Xulgado do Social nº 2 de Lugo quen resolva o pleito.

XUÍZO POR VULNERACIÓN DE DEREITOS

O xuízo por vulneración de dereitos fundamentais, celebrado en Lugo o xoves, quedou visto para sentenza. O sindicato e maila delegada revocada piden como indemnización 100.000 euros cada un, a Sargadelos e ao conselleiro delegado.

O xuíz, Fernando Guitián, decidirá se acepta como válidas dúas gravacións presentadas por UXT, unha do 17 de agosto, cando se desencadenou o conflito laboral, e outra do mes de setembro, na que García se dirixe ás empregadas. A defensa impugnou as probas ao entender que foron obtidas ilicitamente.

O acusación tentou demostrar que a sindicalista non exerceu “ningún tipo de presión” sobre o conselleiro delegado, que recoñeceu este punto e xustificou os 24 despedimentos executados -alomenos oito persoas foron readmitidas- en “problemas económicos“.

Pola súa banda, a defensa insistiu en que García só quere “reflotar a empresa” e en que “era difícil traballar” con Rogelia Mariña, que “só buscaba o seu interese”.

PLEITOS

García resaltou que non fixo “nada malo” e que a súa persoa “é irrelevante. O importante é o dano que lle está a facer a UXT á empresa, con once pleitos abertos. Non sei que pretenden”, asegurou.

Fontes da UXT lembran que o único pleito que mantiña o sindicato contra Sargadelos “antes do 17 de agosto” era o do cesamento de Rogelia Mariña, despedida pola dirección no 2016 e que debeu ser readmitida a principios deste ano por unha sentenza xudicial.

As mesmas fontes subliñan que a sindicalista “aínda non cobrou un céntimo” dos 30.000 euros que estableceu o xuíz como indemnización.

CONFLITO COLECTIVO

O vindeiro venres, 2 de novembro, celebrarase en Viveiro un acto de conciliación por outra demanda da UXT contra Sargadelos, neste caso por conflito colectivo.

O sindicato demandou á empresa por non respectar o convenio no caso das 49 traballadoras que entraron a traballar durante o último ano e medio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here