InicioEconomíaDorado nega "en absoluto" querer pechar o complexo cando co ERE quedarían...

Dorado nega “en absoluto” querer pechar o complexo cando co ERE quedarían en fundición “24 operarios”

A declaración do presidente de Alcoa España foi unha das novidades do xuízo pola impugnación do despedimento colectivo, que a falta da entrega das conclusións quedou visto para sentenza

Publicada o

- Advertisement -

O xuízo celebrado este xoves no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola impugnación que fixeron os sindicatos –CC OO, CIG e UGT– do despedimento colectivo na planta de aluminio de Alcoa San Cibrao quedou, a falta do envío das conclusións polas partes, visto para sentenza, despois de que declarasen tanto as testemuñas da parte demandada como da parte social.

O PERITO DE ALCOA CONFIRMA PERDAS DE “169 MILLÓNS EN TRES ANOS”

Ao igual que na vista das medidas cautelares, Alcoa chamou ao economista José Rovira, quen elaborou o informe e a memoria explicativa do despedimento colectivo, no pasado mes de maio, e un dossier posterior con data de outubro para actualizar información, “confirmándose as premisas” do documento anterior. O perito asegurou que “desde 2018, por cada tonelada que se fabrica pérdese diñeiro” e cualificou de “fundamental e crítico” o factor do custo da enerxía, “en toda Europa pero especialmente en España”, apoiando a argumentación da multinacional e cifrando as perdas da planta de aluminio “en 169 millóns de euros en tres anos, polo que son estruturais”.

Así, centrou a problemática na redución das axudas estatais, cifrando unha caída dos ingresos en materia de interrompibilidade “de 100 millóns hai tres anos, a cifra histórica, a 2,7 millóns”, e duns ingresos por compensacións de emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2) de 8,7 millóns “cando no exercicio anterior foron 22 e no 2018 once”.

MANTENSE NAS CAUSAS DO ERE MALIA A VARIACIÓN SIGNIFICATIVA DO PREZO DO ALUMINIO

Rovira non foi capaz de dar unha explicación a por que mantivo as conclusións do informe malia o aumento do prezo do aluminiode 1.449 dólares desde que elaborou o primeiro informe en abril a 1.733 dólares de prezo medio neste exercicio 2020-. “O incremento do importe no London Metal Exchange (LME) sorprendeu a toda a comunidade de expertos”, expuxo, “que mesmo acuñaron o termo de ‘rally’, dun crecemento rápido que pode ter tamén unha caída rápida, algo coxuntural. Non acaban de entendelo, pero si que se manteñen as perdas e a sobrecapacidade mundial” no mercado do metal, argumentou.

Outro dos puntos de conflito do seu testemuño foi a diferenza de 15 millóns de euros entre as perdas previstas analizadas sobre a base da “contabilidade financieira” (38 millóns) e sobre a base da “contabilidade analítica” (54). Ademais, admitiu que non tivo en conta na súa análise da competitividade da planta os menores custos de persoal relativos a San Cibrao con respecto a outras factorías europeas, así como as vantaxes no tocante ao transporte de materia prima de ter unha refinería veciña de alúmina.

O ESPECIALISTA DA DEFENSA SINALA QUE REARRINCAR AS CUBAS CUSTARÍA “35 MILLÓNS”

O perito Joaquín Fernández elaborou o informe para describir o proceso de parada de cubas na fábrica de San Cibrao e tamén o de arranque da planta, para o que o complexo industrial “conta con todos os medios para facelo”. Insistiu en que o orzamento para reactivar a maquinaría ascendería “a 35 millóns“, que inclúen “todo o que é necesario”, entre eles 2,5 “para posibles continxencias“. Con todo, non concretou no informe un posible presuposto para unha hipotética reforma dun forno de cocción nin do transformadores, dado o “nivel de mantemento” do mesmo.

Sobre un dos transformadores da planta falou Joseba López, que avaliou o estado do mesmo. O perito testemuñou un “estado correcto, sen desviacións ou anomalías”, aínda que admitiu que non se lle consultou sobre a idoneidade do axustador de tensión para unha situación como un rearranque das cubas de electrólise. Inquirido polo letrado da CIG, Héctor López de Castro, recoñeceu que malia que a empresa á que pertence –Hitachi ABB– encárgase habitualmente do “mantemento” de maquinarias “tan antigas”, Alcoa “non contratou” este servizo.

DORADO NON CONCRETA “XESTIÓNS” PARA ABARATAR O PREZO DA LUZ

A acusación chamou como primeira testemuña ao presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. A letrada de CC OO, María Veiga, preguntoulle polas súas “xestións“, como responsable da planta e tamén da sección de enerxía da compañía a nivel global, para abaratar o prezo da enerxía. O dirixente da multinacional asegurou que se trata “dunha causa absolutamente externa” e responsabilizou ao Goberno central de “acadar un marco enerxético”, limitándose a empresa a “ir alarmando aos responsables” sobre “a situación tan problemática” da electrólise de San Cibrao. Dorado non puido concretar, a petición da avogada, “con que empresas negociou” para mellorar a tarifa eléctrica.

Dorado admitiu que despois de que o Estado propuxese un plan industrial e enerxético para Alcoa, un proxecto que “non era máis ca un número nun papel” pois carecía de “concreción en prazos, tempos, volume ou mecanismos“, non formulou ningunha petición para manter unha reunión coa fin de afondar nesa proposta.

A EMPRESA TEN CONTRATOS DE ALÚMINA PARA DÉCADAS MENTRES SE NEGOU A GARANTIR MÁIS DE CINCO ANOS

Requerido ao respecto polo avogado do Estado, a raíz da negativa de Alcoa a aprobar un acordo de subministro de alúmina con Liberty House por máis de cinco anos, Dorado confirmou que os contratos de fornezo para a planta de Noruega son “ata 2035” e “ata 2046” no caso da fábrica de Islandia. Xustificou o rexeitamento da empresa a un dereito de tenteo sobre a refinería que concedelo “gratis” sería “deteriorar o valor do activo” que a compañía quería pechar.

Dorado negou “en absoluto” que a empresa pretenda pechar máis adiante a parte que quedaría da fundición e a fábrica alúmina, como apuntaron os sindicatos, que precisamente indicaron que a refinería non tería máis vida con Alcoa “máis alá de cinco anos”. Respecto á decisión de clausurar a electrólise, “tomouse o 8 de setembro, e foi validada por Alcoa Nederland e Alcoa Corporación”.

Tras suxerir a representación legal da parte social que Alcoa só formulou durante o período de consultas do ERE unha proposta que pasaba pola parada de cubas, Dorado enumerou como alternativas presentadas pola compañía “un proceso de venda coa maquinaria parada, un ERTE ata 2022, e logo un procedemento de venda coa electrólise funcionando”.

Tamén negou que Alcoa quixese reducir a capacidade de 1,5 millóns de toneladas de fabricación de aluminio, asegurando que esa era “unha posibilidade dentro dunha análise, sen decisión tomada ao respecto”. En todo caso, recoñeceu que a caída da “interrompibilidade, de 100 millóns” recibidos a 2,7.

ZAN: “ALCOA QUERÍA CONCRECIÓN NO PLAN ENERXÉTICO, PERO NON SENTAR A FALAR”

“O único que quería Alcoa era pechar”, insistiu o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que concretou que de aplicarse o ERE quedarían en fundición “24 operarios“, o que faría “ilóxico” pensar que se poida seguir traballando ao nivel que incluía a memoria técnica: “sería inviable“. Igualmente incongruente considerou que no departamento de Recursos Humanos “queden dúas persoas e onde se ten que traballar non haxa persoal“.

Zan cuestionou que “quen ten un problema enerxético non sente a falar con quen pode regular o marco da electricidade. (Alcoa) dicía que quería concreción sobre un plan pero negábase a sentar a negociar”, afirmou o sindicalista, que concretou que un dos asesores dos sindicatos se puxo en contacto “con Greenalia” para asinar un contrato bilateral de enerxía renovable ou PPA “que este señor conseguía por 35 euros o MW/h”.

Ademais, asegurou que a parte social ignorou durante “un mes” a existencia dunha empresa interesada en mercar a planta.

O PERSOAL DE SUBESTACIÓN QUEDARÍA REDUCIDO “DE 13 A DÚAS PERSOAS”

O traballador Maximiliano Poceiro, con 42 anos de experiencia no complexo industrial e xefe da subestación principal para as plantas de aluminio e alúmina, concretou que neste apartado operan “13 persoas”, quedando na empresa co despedimento colectivo “o xefe de servizo e un empregado”, segundo a información proporcionada pola representación sindical. Deste xeito, considerou “imposible manobrar” na refinería e en fundición co mencionado persoal.

Tamén expuxo que “non se pode garantir” un rearranque “seguro” da electrólise de San Cibrao “cun único transformador”, precisando que o custo dun novo podería ascender “a seis millóns de euros, cunha agarda mínima de dous anos”.

A PERITO DA PARTE SOCIAL DENUNCIA “INDEFENSIÓN” POR “FALTA DE INFORMACIÓN”

Pola súa banda, o responsable da sección de Industria de CC OO en Galicia, Víctor Ledo, insistiu en que a representación dos traballadores negouse a asinar un expediente de regulación temporal de emprego (Erte) ante o precedente das plantas da Coruña e Avilés, que están nunha situación “dramática” na que Alcoa vendeu a proxectos especulativos cando había interese de Liberty House: primeiro a un fondo de investimentos, Parter, que á súa vez as traspasou ao Grupo Riesgo.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afondou nesta tese. O sindicalista negou a “inevitabilidade” do ERE partindo da base da existencia dun potencial comprador que Alcoa “cuestionou desde o principio. Alcoa negou calquera alternativa que non fose a parada de cubas ou o despedimento dos traballadores”, finalizou.

A economista de CC OO Eugenia Freire afirmou que durante o período de consultas houbo “indefensión” dos traballadores pola “falta de información” por parte de Alcoa, dado que entre outras cousas “nunca puidemos saber a que prezo real se vende o aluminio, porque habería que engadir elementos como unha serie de primas”. Sobre as contas da multinacional, afirmou que no 2019 produciuse “a tormenta perfecta, coa alza dos prezos da enerxía eléctrica e a subida do prezo da alúmina”, pero negou que sexan “cuestións estruturais, pois van ir evolucionando“. Así, sobre o incremento do custo do aluminio, zanxou que sen ter en conta ese factor non se poden manter as conclusións que a compañía presentaba de partida para xustificar o ERE.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...