InicioEconomíaO GALP presenta unha plataforma online para educar o alumnado na pesca...

O GALP presenta unha plataforma online para educar o alumnado na pesca e a cultura mariñeira

A ferramenta dixital, dirixida a estudantes de primaria e secundaria, pretende estimular o respecto polo medio mariño e poñer en valor as artes e tradicións pesqueiras

Publicada o

- Advertisement -

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de A Mariña-Ortegal presentou o pasado xoves no Cenima de Foz a nova plataforma online «Mares de Cultura os Nenos e o Mar».

Neste acto, o presidente do GALP, Javier Martínez Otero, a técnico Verónica Díaz Guerreiro, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o xerente de Maremasma, Carlos Gil, presentaron o proxecto aos medios de comunicación. Tamén estiveron presentes outras entidades colaboradoras, a técnico de medioambiente do Concello de Foz, Vanesa Iglesias; a xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz (CCA/ACIA de Foz), Ana Segade; así como as coordinadoras do proxecto Lucía Pedrouzo e Ana de Lara.

A campaña escolar “Mares de Cultura, os Nenos e o Mar 2020” preséntase nesta sexta edición como unha ferramenta interactiva online de sensibilización e divulgación dos valores e dos recursos do mar, a través dunha serie de materiais dixitais con vídeos, ilustracións e imaxes. O programa adáptase a situación de incerteza ocasionada pola crise do Covid-19 e cambia o seu enfoque cara unha plataforma de contidos online.

CATRO UNIDADES DIDÁCTICAS

“O principal obxectivo é a realización dunha serie de actividades e dinámicas dixitais orientadas a estudantes de primaria e secundaria para dar a coñecer a contorna litoral de A Mariña-Ortegal e para descubrir os recursos naturais e as problemáticas do medio ambiente mariño. Tamén poñer en valor as artes e tradicións pesqueiras relacionadas coa pesca artesanal e a cultura mariñeira. Persegue, ademais, provocar na poboación escolar un cambio de perspectiva cara o respecto do medio mariño e uns hábitos de consumo responsable dos produtos do mar“, indican desde o GALP.

Os contidos divídense en catro unidades didácticas, catro específicas de primaria e 4 de secundaria. Cada unha delas elabórase de acordo coa adaptación curricular da normativa vixente en relación á lei da LOMCE da Xunta de Galicia.

Cada unha das unidades didácticas englóbase en varios bloques descritos no currículum educativo de diferentes materias. Ademáis cada tema está adecuado ao nivel educativo e é unha ferramenta inclusiva, adaptando o vocabulario ás aptitudes e destrezas de cada nivel e ao grado cognitivo de cada alumno.

PROPOSTAS DE ACTIVIDADES NA NATUREZA OU NA AULA, OU EXPERIMENTOS NO LABORATORIO

O proxecto xira sobre a creación de diversas ferramentas interactivas online de sensibilización e divulgación dos valores e dos recursos do mar, a través dunha serie de materiais dixitais. Estes contidos están dispoñibles na páxina web da campaña.

Dentro do proxecto elaboráronse ademáis as guías do profesorado. Neste documento os docentes poden consultar a adaptación curricular da materia para incluír a plataforma na súa docencia. “Nestes documentos inclúense propostas de actividades para realizar co alumnado na natureza, na aula ou experimentos no laboratorio. Mediante estas iniciativas preténdese concienciar e facilitar a aprendizaxe dunha maneira divertida”, conclúe o GALP.

Acto en recoñecemento ás mulleres do mar. AXM

RECOÑECEMENTO ÁS MULLERES DO MAR

Por outra banda, o GALP recoñeceu cun acto en Celeiro aos colectivos de mulleres do mar do territorio, co obxectivo de poñer en valor a súa labor e dar unha maior visibilidade ás agrupacións e asociacións de mulleres do sector pesqueiro.

Alfredo Llano, vicepresidente do GALP; Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; e Jesús Fernández, concelleiro de Mar de Viveiro, participaron nun evento no que a voz das mulleres do mar foi representada por María Jesús Alonso, presidenta da Asociación de Redeiras Cabo Burela; María Luisa Loureiro, presidenta da Asociación de Redeiras de Cedeira; e Isabel Rodríguez, da Agrupación de marisqueo a pé da Confraría do Barqueiro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...