InicioEconomíaOs obreiros das auxiliares manterán a folga pola "perda de empregos" ao...

Os obreiros das auxiliares manterán a folga pola “perda de empregos” ao “recortar” Alcoa en investimento

A plataforma sindical das contratistas lembra que uns 50 operarios seguen en ERTE pola paralización da brascaxe e sostén que empresas "non renovan contratos" polo conflito laboral

Publicada o

- Advertisement -

A plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao emitiu este martes un comunicado de prensa no que expón a súa visión sobre o conflito laboral, despois de manter unha xuntanza extraordinaria para analizar a situación actual das contratistas derivada do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional, que insiste na vía xudicial para aplicar o despedimento colectivo. Os sindicatos da industria auxiliar consideran que a convocatoria de folga indefinida no complexo industrial “debe ser mantida en vigor“, posto que a sentenza que declara a nulidade do ERE “non elimina a problemática principal nin obriga á reactivación do 100% da planta”.

GOBERNO E XUNTA PEDIRAN O LEVANTAMENTO DO PARO

Tanto o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, como o conselleiro da área, Francisco Conde, pediron na mesa multilateral celebrada o pasado luns o levantamento do paro ante o impacto do mesmo noutras empresas.

A coordinadora da representación dos traballadores no arredor dunha trintena de empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao lembra que, “desde o pasado mes de abril, cando Alcoa anunciou o paro das labores de rebrascaxe de cubas, case medio cento de traballadores de empresas auxiliares -de Reymogasa e Cyrgasa- están en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e a día de hoxe non saben cando voltarán ó seu posto de traballo, se é que o volven facer algún día”.

Deste xeito, o persoal das auxiliares urxe a Alcoa a “negociar de boa fe, reactivar a planta e cesar nos recortes en investimento, que están a levar a perder un regueiro de postos de traballo pouquiño a pouco, tanto na planta de aluminio como na de alúmina”, concreta a coordinadora. Unha situación que vén dada “pola terquedade” da multinacional, dado que “moitas empresas non están a renovar os contratos dos seus traballadores xa que o futuro da planta é incerto e non hai previsión estable de traballo”, sostén.

Este motivo é o que leva á plataforma a “ver necesario manter a folgatal e como o farán os compañeiros de Alcoa, ata que todos os traballadores volvan ao seu posto de traballo, ou haxa unha garantía de rendemento pleno da factoría”. 

RECLAMAN PODER UTILIZAR O COMEDOR: “ALCOA DISCRIMINA A 1.000 OPERARIOS”

Por outra banda, os sindicatos das auxiliares denuncian a “discriminación” que Alcoa “está a ter cos traballadores das empresas auxiliares no comedor. Queremos recordar que temos gañado o dereito ó seu desfrute en sentenza xudicial, mais despois de todos estes meses pechado, cando volta a reabrir faino cun sistema imposible para nós de poder acceder ao servizo. E a situación agravarase máis se o próximo día 4 de xaneiro volta a xornada partida”, expoñen os traballadores das contratistas, que se preguntan se “os valores” da compañía “son deixar sen a posibilidade de comer a 1.000 operarios”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...