O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo en valor que Alcoa “empece a rectificar a súa postura” para posibilitar a entrada dun investidor na planta de San Cibrao. “Esperamos que o posicionamento sexa veraz e sen dobreces”, sinala.
Nun comunicado remitido aos medios, o líder do PSdeG considera unha “boa nova” que a multinacional estea disposta a “explorar de novo” a venda da planta situada en Cervo (Lugo) á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), unha cuestión que, segundo indica, demandan tanto o Goberno central como os traballadores para garantir o futuro da planta.
O xefe de filas dos socialistas galegos sostén que a “postura firme” do Executivo estatal fronte á multinacional “marcou a presión institucional coordinada” para o cambio de criterio da dirección da multinacional.
Nesta liña, espera que o posicionamento “sexa veraz e sen dobreces” a favor de manter a actividade industrial e o emprego, e considera que é “unha boa nova” pero “non hai que confiarse”.
Por último, mostrou o seu desexo de que “se poida alcanzar unha solución coa maior celeridade polo ben dos traballadores, da comarca e da economía do país” ao considerar que “unha multinacional non pode impedir o futuro da planta, cando o Goberno de España atopou un investidor con proxecto industrial para A Mariña“.
UGT ESIXE Á MULTINACIONAL “UNHA VERDADEIRA INTENCIÓN NEGOCIADORA”
Pola súa banda, o sindicato UGT enviou un comunicado aos medios de comunicación no que atribúe a decisión de Alcoa “á presión e ao traballo dos empregados da factoría, á mobilización da sociedade da Mariña e ao traballo dos sindicatos e dos seus servizos xurídicos”.
O sindicato asegurou “saudar” o anuncio de Alcoa, aínda que mantén “a prudencia“, agardando que “desta vez” haxa “unha verdadeira intención negociadora” da multinacional, para que se produza en verdade “un novo escenario” e fructifique unha venda que sexa “a solución” para o futuro da comarca da Mariña e do aluminio primario en España.
“Coa apertura deste novo escenario tócalles de novo aos actores desta crise, traballadores e Administracións, retomar a tensión negociadora e, esta vez si, chegar a unha boa fin”, concluíu a central.