Ramón González Rey/EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao convocou aos traballadores do complexo industrial a unha asemblea que terá lugar mañá, 8 de xaneiro, logo da reunión telemática que manterá esta tarde -de 16.00 a 17.30 horas- a dirección da multinacional cos representantes do persoal, para tomar decisións sobre a folga indefinida e o futuro da factoría.
Nun comunicado, o comité aclara que a asemblea convócase despois de que a dirección da empresa informase da súa disposición a “explorar de novo” a posible venda da planta de aluminio primario á Sociedade Estata de Participacións Industriais (SEPI), sempre que finalizase a folga indefinida que comezou a principios de outubro e que provocou perdas, segundo cálculos da multinacional, superiores a 10 millóns de euros. Unhas cifras bastante inferiores ás manexadas polos sindicatos.
A asemblea celebrarase mañá ao mediodía, a partir das 12.00 horas, diante das instalacións do propio comité de empresa, logo da reunión que esta tarde manterán os representantes dos traballadores coa dirección da multinacional para buscar un acordo.
De feito, na asemblea informarase aos traballadores do resultado da reunión e votaranse as medidas a adoptar.
A MULTINACIONAL ABRIU A VÍA DUNHA VENDA
Alcoa presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o peche da electrólise, na planta de aluminio, e a perda de máis de 900 empregos entre a factoría e a industria auxiliar. O despedimento foi tombado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que o declarou nulo, e a multinacional presentou recurso de casación ante o Supremo.
Neste contexto, e tras varias peticións por parte dos traballadores, que manteñen o paro, e das Administracións, Goberno central e Xunta de Galicia, Alcoa anunciou que está disposta a “explorar” a venda, unicamente coa SEPI e a cambio de que se levante a folga. Tamén que só se abordará unha transacción da planta de aluminio, dado que sostén que non está interesada en vender alúmina -que pertence nun 40% ao grupo australiano Westminster Acquisition-.
A venda da planta fora abordada no pasado mes de setembro, rexeitando Alcoa ofertas tanto da siderúrxica británica Liberty House como da propia SEPI, o que tanto os sindicatos como as Administracións interpretaron como “mala fe” negociadora, unha valoración que compartiu o TSXG na súa sentenza.