Traballadores das auxiliares maniféstanse contra a “represión” ao voceiro da súa plataforma sindical

Os obreiros protestarán en Lugo antes do xuízo pola situación laboral de Kike Rocha, que segundo a CIG foi retirado a tarefas de menor cualificación pola súa actividade como sindicalista

Protesta pola situación laboral do sindicalista Kike Rocha. CIG

Traballadores das empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao marcharon este venres, a primeira hora da mañá, desde as casetas das contratistas ata a porta da fábrica para amosar o seu apoio ao sindicalista Kike Rocha, traballador de Cotelsa que segundo denunciou a CIG está a sufrir “acoso á súa liberdade sindical”.

A central explicou que Rocha, que exerce como voceiro da plataforma que aglutina a representación sindical nas auxiliares, foi retirado do posto que ocupou durante sete anos e recolocado en traballos de menor cualificación, para os que non ten formación, “a partir das negociacións do Expediente de Regulación de Emprego (ERE)” con Alcoa.

O vindeiro luns, ás 11.00 horas, está previsto que se celebre en Lugo o xuízo. Os traballadores avanzan que farán unha concentración ante o xulgado para denunciar de novo a “represión sindical” ao seu compañeiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here