EFE. A Audiencia Nacional aprazou ata o próximo maio o xuízo pola demanda de varios sindicatos contra a multinacional Alcoa, o fondo suizo Parter Capital, que comprou as plantas de Avilés (Asturias) e A Coruña, e o Grupo Riesgo, que as adquiriu posteriormente.
Segundo informaron a Efe fontes xurídicas, queda suspendida xa que logo a vista fixada para este xoves na que as organizacións, que defenden os dereitos dos traballadores das plantas do grupo Alcoa Inespal que foron vendidas, ían reclamar a declaración solidaria de todas as empresas demandadas.
Para os demandantes, incumpríronse os acordos alcanzados o 15 de xaneiro e o 4 de xullo de 2019 no expediente de regulación de emprego (ERE), que, entenden, seguen vixentes.
Desde a Confederación de Cuadros y Profesionales consideran que Alcoa é responsable polos incumprimentos dos compradores das plantas, que -afirman- non executaron o plan industrial pactado entre os traballadores e a multinacional estadounidense, garante da eecución dos investimentos e do cumprimento do plan industrial.
Pero tamén por elixir como comprador a Parter Capital, que non reunía as características esixidas e pactadas para a estabilidade das dúas plantas e os seus persoais.
Ademais, apuntan, os traballadores rexeitaron indemnizacións moi superiores ás legais para apostar pola viabilidade das plantas e os seus postos de traballo.
Na súa opinión, a operación puido ser unha venda instrumentalizada “a través de empresas pantalla” para desvincular formalmente a Alcoa da titularidade e xestión de ambas fábricas, así como das responsabilidades de ámbito laboral.
QUERELA
Esta acción é paralela á querela interposta pola Confederación por un suposto delito de estafa agravada, insolvencia punible e apropiación indebida, contra Alcoa e outras dezaoito persoas físicas e xurídicas por supostas irregularidades na venda destas plantas.
A querela foi admitida a trámite o pasado decembro pola xuíz da Audiencia Nacional María Tardón, que xa se atopa á espera dos informes policiais.