InicioEconomíaO mariñao Basilio Otero, único candidato, revalidará a presidencia das confrarías españolas

O mariñao Basilio Otero, único candidato, revalidará a presidencia das confrarías españolas

O patrón maior de Burela reclama "vacinas" para a frota, como "sector estratéxico", e pensa especialmente "nas consecuencias da pandemia para o sector pesqueiro"

Publicada o

- Advertisement -

O mariñao Basilio Otero anunciou o pasado martes a presentación da súa candidatura por catro anos máis para optar de novo a ser presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores (FNCP). É o único aspirante que se presentou, tras pecharse o venres o prazo para presentar candidaturas.

Agora ábrese unha semana para presentación de alegacións e logo “haberá que esperar ás eleccións”, cuxa data aínda está por decidir, segundo explica Otero.

“Non sabemos aínda a data fixa, se van ser en maio ou en marzo. Ao haber un candidato nada máis e unha vez cumprido o prazo, canto antes se celebren mellor. Temos ata maio, o BOE deunos seis meses desde o 22 de novembro, co cal temos ata o 22 de maio para facelas”, puntualizou.

Conclúe mandato na federación nacional e comezará o próximo pensando nas consecuencias da pandemia para o sector, e “non só polo prezo do peixe, que se esborrallou no principio do ano”.

“Aproveito para pedir á xente que consuma peixe e que consuma pescado de proximidade; ademais, este consumo axuda a combater a covid-19“, demandou.

VACINACIÓN

Vinculado coa crise sanitaria, Otero subliñou que “unha das loitas agora mesmo é a necesidade de prema na vacinación dos tripulantes dos barcos”.

“Está a demostrarse que cando un mariñeiro vai infectado a un barco afecta o barco enteiro e logo tes que botar un mes ou vinte días en terra amarrado. É importante a vacinación como sector estratéxico que somos e polas condicións de traballo“, subliñou.

Á súa vez, Basilio Otero reivindicou que, “como esta vacina require dúas doses, se teña en conta”, de xeito que non se poña “unha dose agora, porque cando toque a segunda igual se dá o caso de que se está fóra, por exemplo nas Malvinas“, posto que “hai moita mobilidade“. En definitiva, pediu que se “acurten” os prazos.

Ademais, apela a que “cando se chame a un barco se chame ao barco enteiro (para administrar as vacinas), independentemente da área sanitaria dos vacinados”.

PREZOS BAIXOS

A pandemia tamén está a deixar “prezos baixos“, aínda que Otero matizou que “depende do peixe, pero por pór un exemplo a semana pasada un armador queixouse que estaba a vender a centola a dous euros e iso nunca se lembra”.

Tamén esgrimiu que “este ano ao non haber festas, ou feiras, isto castiga moito o prezo, sendo máis esaxerados eses baixos prezos naqueles peixes que teñen máis valor como as robalizas, os rodaballos e o marisco, que son os que máis sofren”.

“Os peixes de batalla, os xurelos, a sardiña ou a anchoa si que manteñen un prezo máis ou menos igual do que é, son peixes máis de consumo diario”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...