Condenada Alu Ibérica por lesionar o dereito á folga na Coruña

O Xulgado do Social número 1 da Coruña ordena que se permita ao comité o acceso ao centro de traballo "a fin de poder exercer todas aquelas funcións e obrigacións que lle son propias"

Concentración en Alu Ibérica A Coruña. GC

O Xulgado do Social número 1 da Coruña condenou a Alu Ibérica a pagar unha indemnización de 6.250 euros a cada un dos membros do comité de folga coruñés e cada un dos sindicatos por lesionar o dereito á folga.

A xuíza indicou na sentenza, á que tivo acceso Efe, que a empresa “lesionou o dereito fundamental á liberdade sindical” na súa vertente do dereito á folga. Así, ordenou o “cesamento inmediato” do “comportamento vulnerador dos dereitos fundamentais” permitíndose ao comité de folga o acceso ao centro de traballo “a fin de poder exercer todas aquelas funcións e obrigacións que lle son propias”.

Por iso, condenou á entidade a abonar a cada un dos sindicatos demandantes e cada un dos membros do comité de folga unha indemnización por importe de 6.250 euros “como resarcimiento polos danos e prexuízos provocados por tal actividade vulneradora de dereitos”.

Ademais, a titular do xulgado considerou probado que o 26 de decembro a dirección da empresa “deu instrucións expresas” aos vixiantes de seguridade “para impedir o acceso” dos membros do comité de folga ao centro de traballo e aos locais sindicais. Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

“ACOSO E DERRUBO”

Ao coñecer o fallo, o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica A Coruña, Juan Carlos López Corbacho, que foi despedido recentemente, dixo que “é unha boa noticia” aínda que lembrou que a compañía ten a posibilidade de interpor un recurso.

A sentenza deixa clarísimo o acoso e derrubo que sofre a representación dos traballadores“, considerou López Corbacho, que incidiu en que se lesionou “de maneira flagrante” o dereito á folga ao non permitir o acceso ás instalacións dos representantes sindicais.

Pola súa banda, fontes da compañía Alu Ibérica consultadas por Efe aseguran que aínda están a estudar a sentenza e que aínda non tomaron unha decisión sobre un posible recurso.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here