A patronal lucense lamenta a “inacción incomprensible” respecto do porto de San Cibrao

A Confederación de Empresarios de Galicia critica que non se atendera "nin unha soa das demandas efectuadas", especialmente a da creación da autoridade portuaria propia.

Plano do porto de San Cibrao. AUTORIDADE PORTUARIA FERROL-SAN CIBRAO

EFE | A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifestou o seu “profundo malestar” polas declaracións efectuadas onte polo novo presidente da Autoridade Portuaria Ferrol–San Cibrao, das que deduce unha “inacción incomprensible” con respecto ao porto de San Cibrao neste momento e o aprazamento de iniciativas relacionadas con esta dársena “máis aló de 2027”.

A CEL lembra que durante os últimos anos os empresarios lucenses “reclamaron insistentemente solucións e investimentos para esta infraestrutura ante o temor a unha posible marcha da multinacional Alcoa”, así como “unha autoridade portuaria propia, para que a provincia xestionase “os recursos xerados nos seus portos”. Con todo, ata este momento, non foi “escoitada nin unha soa das demandas efectuadas”.

“O que necesitamos non son visitas de carácter institucional ou ofertas de colaboración para o impulso a un porto do que nestes momentos son responsables, senón a xestión propia dunha Autoridade Portuaria de Lugo que nos permita deseñar, desde Lugo, un porto absolutamente competitivo”, dixo o secretario xeral do CEL, Jaime López. De feito, sostén que o de San Cibrao podería “converterse en porto de referencia do noroeste español para o tráfico madeireiro, de graneis e outro tipo de cargas”.

“Os sucesivos responsables da Autoridade Portuaria Ferrol–San Cibrao nin trataron de negociar a liberalización do dique norte ao tráfico xeral; nin procuraron un investimento nos nosos portos axustada ao que xeran; nin permitiron a creación dunha Autoridade Portuaria propia en Lugo”, lamentou.

“SEN REPRESENTACIÓN LUCENSE”

Ademais, insistiu, “a día de hoxe seguimos sendo a única provincia con mar que non conta con esta entidade para a toma das súas propias decisións, mentres vemos como aumenta o despoboamento e as nosas opcións de progreso se perden”. “Levamos xa non anos, senón décadas de reclamacións e xestións ante diferentes instancias que se ignoraron de forma repetida”, insiste a CEL.

A organización empresarial subliña, ademais, que unha solución rápida sería no seu momento garantir unha verdadeira representación de Lugo nos órganos de decisión da Autoridade Portuaria Ferrol–San Cibrao, “o que tampouco sucedeu xamais”. En palabras do secretario da CEL, “no actual consello de administración, que en teoría defende os intereses das dúas provincias, non hai unha verdadeira paridade de representación que permita unha defensa real dos intereses dos portos lucenses”.

“Temos que conformarnos coa representación testemuñal de dous alcaldes mariñáns a quendas e visitas nas que se nos anuncian improbables plans de futuro e investimentos nos portos ferroláns”, engadiu.

A CEL lembra tamén a “unanimidade social existente na provincia” respecto a esta cuestión, os continuos escritos de adhesión da práctica totalidade das asociacións empresariais da provincia e “outros colectivos de amplo arraigamento”, como a Federación Provincial de Veciños; ou o acordo de todos os partidos políticos para reclamar a creación da Autoridade Portuaria de Lugo, que se materializou, por exemplo, no apoio unánime do pleno da Deputación de Lugo a esta demanda coa aprobación dunha moción o 29 de outubro de 2019.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here