A empresa de loxística e transportes Reyco, que ten a súa sé principal en Fazouro (Foz), acaba de incorporar 20 camións de frota propia e supera os 200 empregos directos.
“Con estes 20 vehículos máis, cuxa compra supuxo un investimento de máis de dous millóns de euros, contamos agora cunha flota propia de 160 camións. Como consecuencia desta ampliación creamos 20 postos de traballo de condutores e ademais faremos varias contratacións para os distintos departamentos das oficinas, co que superaremos os 200 empregos directos, todos eles de carácter indefinido”, explica a dirección da empresa a través dun comunicado de prensa.
Reyco expón na nota que continúa desenvolvendo o seu “plan de expansión” previsto “malia as dificultades que xera a pandemia de Covid-19 a nivel loxístico en toda Europa, porque os fluxos de transporte están rotos e descompensados como consecuencia dos peches temporais dalgunhas fábricas en determinados momentos. Isto require un nivel de esforzo moi elevado pola nosa banda, pero seguimos traballando na nosa liña habitual para facer as cousas o mellor posible e así conseguir máis clientes a nivel europeo, o que estamos acadando”, conclúe Miguel Rey, o conselleiro delegado.