O Consello Confederal da CIG acordou recoñecer co Premio 10 de Marzo aos traballadores de de Alcoa e auxiliares “pola súa loita incansable, grazas á que, despois de moitas xornadas de mobilizacións e folga, conseguiron parar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaba a máis de 500 empregos da principal e outros tantos das contratas, facéndolle fronte a unha multinacional, que o único que pretendía era acabar co que hoxe coñecemos como planta de aluminio primario na Mariña lucense“.
As traballadoras do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro foron as galardoadas co Premio 8 de Marzo. A central sindical tivo en conta que, coa súa unidade e determinación, “foron quen de forzar á empresa concesionaria do servizo e á do propio hospital a contratar máis persoal para rematar coa sobrecarga de traballo e co estrés laboral provocados polos novos protocolos hixiénicos derivados da pandemia do coronavirus. Grazas á súa capacidade de loita e mobilización, con convocatoria de folga indefinida e protestas diarias, lograron tamén mellorar as súas condicións laborais e dignificar unha labor esencial para o eficaz funcionamento do sistema sanitario”, remarca o sindicato.
Coincindo coa xuntanza do Consello Confederal celebraríase o acto de entrega de ambos os galardóns, “mais a CIG tivo en conta que no actual contexto de pandemia, e diante da necesidade de garantir as medidas de seguridade e prevención precisas, non se podería celebrar como se vén facendo coa presenza das persoas premiadas, as convidadas e os membros do Consello Confederal. Por iso a central sindical acordou adiar o acto até que melloren as actuais circunstancias”, finaliza a central.