O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, asegurou que o grupo británico Liberty House segue “moi interesado” na compra da planta de aluminio, pola que negocian a multinacional e a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), e mesmo apuntou a que “pode haber outros compradores“.
Diferentes medios fixéronse eco nos últimos días dos problemas económicos da siderúrxica británica, que solicitou ao Goberno do Reino Unido dun préstamo de rescate bancario por 170 millóns de libras, finalmente desestimado.
OS OBREIROS ESPERAN “SOLUCIÓNS” DE GOBERNO CENTRAL E XUNTA
O dirixente do organismo de representación dos traballadores do complexo industrial de San Cibrao non desvelou os nomes deses posibles futuribles, facendo fincapé na responsabilidade das Administracións respecto do conflito laboral. “Imos ver que solucións poñen enriba da mesa” Goberno central e Xunta de Galicia, indicou, reclamando que os traballadores están “pendentes” de ver en que condicións merca a planta a SEPI, posto que “cada euro que saia desta operación debe obrigarse a investir na planta de San Cibrao”.
O VINDEIRO MARTES, REUNIÓN CONVOCADA POLO GOBERNO
O Goberno central chamou ao comité e aos sindicatos con representación en Alcoa San Cibrao –CC OO, CIG e UGT– a unha reunión o día 6 de abril, martes, para abordar a situación da planta, na que Alcoa presentou un Expediente de regulación de emprego (ERE) declarado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A empresa mantén aberta a vía xudicial ao recorrer ao Supremo.