A Comisión de Transportes do Senado aprobou unha Moción do Grupo Parlamentario Socialista para levar a cabo as melloras imprescindibles tanto na infraestrutura, como nos equipamentos do tren Ancho Métrico que une Ferrol con Xixón, e cuxo traxecto tamén discorre por toda a Mariña Lucense.
O senador socialista por Lugo, César Mogo, autor da Moción, destacou que é co Goberno socialista cando o AVE chegará a Galicia no 2021 tras investir máis de 500 millóns de euros. Un investimento que, lembra, “vai conectar Lugo coa rede de alta velocidade por Ourense; e co Goberno socialista repárase o abandono de anos da liña de Ancho Métrico entre Ferrol e Xixón”.
Mogo remarcou que “despois de moitos anos de abandono, xa se adquiriron 31 trens para as distintas liñas do Ancho Métrico e impulsado algunhas significativas melloras parciais”. A iniciativa tamén recolle a recuperación e adaptación das frecuencias do paso dos trens, “dacordo ás necesidades e demandas dos veciños que serán os principais beneficiarios dos cambios”.
O senador avanzou que a Mariña Lucense “resultará especialmente beneficiada dunha infraestrutura modernizada, e dun servizo ben organizado nas súas frecuencias xa que pode constituír unha alternativa eficaz aos desprazamentos, fundamentalmente en vehículos privados”.