EFE | A dirección de Alcoa, en relación coa información sobre o posible interese de varios compradores na adquisición da planta de aluminio primario de San Cibrao, lembra que o seu compromiso é negociar esa operación coa Sepi, algo que está a facer con “boa fe”, ademais de precisar que unha vez completado o proceso será ese organismo público o que decida “calquera acción posterior”.
Mediante un comunicado remitido aos seus propios traballadores, a dirección de Alcoa precisa que lle enviou á SEPI a proposta de condicións xerais para a venda o pasado 4 de febreiro, co obxectivo de cumprir o compromiso de asinar o traspaso antes do 30 de abril, pero aínda está “a esperar” por “unha resposta e comentarios sobre dita proposta”.
A dirección da empresa precisa que “Alcoa acordou negociar a venda da planta de aluminio á Sepi, conforme á proposta do Goberno de España e á solicitude dos representantes dos traballadores”.
Dese modo, a multinacional lembra nun escrito asinado polo presidente en España Álvaro Dorado que “unha vez que se complete o acordo de venda coa Sepi”, será este organismo público o que decida “calquera acción posterior relativa á planta de aluminio”. De feito, se a “Sepi require que un terceiro negocie no seu nome con Alcoa”, a multinacional asegura que xa lle transmitiu que está aberta “a esa alternativa”.
CLÁUSULA DE RESPONSABILIDADE
Con respecto á cláusula de responsabilidade que pretende incluír no acordo de venda, a empresa profunda na súa necesidade para “delimitar as responsabilidades de ambas as partes”, segundo contaron a Efe, e en que “é completamente habitual neste tipo de operacións acordar as limitacións de responsabilidades do vendedor”, un asunto que é “aínda máis relevante sabendo que a Sepi prevé, posteriormente, vender esta planta a un terceiro”.
“Ademais, nesta posible operación, Alcoa ofreceu, non só vender a planta por 1 euro, senón tamén transferir unha suma moi importante de efectivo á Sepi. É dicir, trátase dunha transacción na que o vendedor é quen paga e o comprador non se compromete a achegar ningunha cantidade pola compra da planta”.
Por iso, a empresa entende que “a contribución económica achegada por Alcoa compensaría as responsabilidades e obrigacións xeradas pola planta de aluminio ata a súa venda”, ademais de lembrar que a “ Sepi, pola súa banda, terá a oportunidade de avaliar esas responsabilidades a través do proceso de dilixencia debida”. “Como novo comprador”, a Sepi “asumiría a xestión e as responsabilidades xeradas a partir do momento en que se complete a venda”, aclara.
“Estamos convencidos da legalidade destas condicións de acordo á regulación española e da UE e, en calquera caso, esta cláusula que Alcoa propuxo o 4 de febreiro é similar á que se compartiu coa Sepi nas negociacións de 2020 e que SEPI non rexeitou daquela”, afirma a dirección da multinacional.
LIÑAS VERMELLAS
De feito, aclara que “Alcoa non pode acceder a achegar unha gran cantidade de efectivo para esta transacción e, á vez, aceptar que se manteña a posibilidade de reclamar á compañía no futuro”.
“Alcoa ofreceu condicións coa intención de vender a planta de aluminio dunha maneira responsable para todas as partes: Está disposta a vendela por 1 euro, achegar unha suma moi significativa de efectivo e, a cambio, a requirir garantías por parte da Sepi de que a venda será definitiva unha vez se complete”, conclúe.