O comité de Alcoa ve posible pechar a venda no prazo previsto “se hai intención do Goberno”

Esperan a confirmación de que tanto Liberty como Alcoa cumpriran os requisitos para o acordo coa SEPI.

Rolda de prensa do comité. EP/GC/CARLOS CASTRO

EFE | Á espera da reunión da Mesa Multilateral, que se reunirá este xoves a partir das 12:30 horas, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, opina que o acordo para a venda da fábrica de aluminio primario á SEPI aínda pode pecharse no prazo previsto, antes do 29 de abril, se existe “intención” por parte do Goberno de España.

En relación coas informacións que apuntan a que Liberty xa lle presentaría ao Goberno probas da solvencia económica necesaria para afrontar esta operación, o comité espera que sexa “a propia SEPI” quen llo confirme na Mesa Multilateral. “Que sexa a SEPI a que nolo diga, porque ata que o diga non temos nada encima da mesa. Sabémolo polas noticias, pero nós non temos constancia de nada diso”, aclarou Zan.

En todo caso, o comité espera que o Ministerio de Industria “desbloquee esta situación, xa sexa con Liberty ou con outro actor, pero a cuestión é que hai que buscar unha saída a esta problemática”.

En canto á posibilidade de que finalmente as partes poidan pechar o acordo de venda no prazo previsto inicialmente, recoñeceu que “esperanza sempre a hai; haina para todo. O que ten que haber é intención e se o Ministerio ten intención, isto pódese reconducir tranquilamente”.

“A cuestión” agora “ é saber se todos os requisitos que puxo o Ministerio, tanto a Alcoa como a Liberty, se cumpriron”, engadiu. “Segundo di a prensa, Liberty cumpriu, agora teñen que informarnos de como están as negociacións con Alcoa e que falta para pechar ese acordo Alcoa- SEPI- Liberty”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here