Os traballadores de Alcoa: “Estamos presionados; traballando a contragusto e ás veces cun trato bastante penoso”

O Comité pídelle á Xunta e Goberno de España a mesma “responsabilidade” que demostraron eles paralizando a folga para avanzar nas negociacións.

Un obreiro, co casco de Reymogasa, nunha das protestas por unha solución para aluminio. DIEGO ALONSO COBELO

EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao pídelle á Xunta e Goberno de España a mesma “responsabilidade” que demostraron os traballadores do complexo lucense cando tomaron a decisión de suspender a folga indefinida para facilitar un acordo coa multinacional que abrise as portas á venda da fábrica de aluminio primario, precisamente para garantir o futuro da planta.
O presidente do comité, José Antonio Zan, fixo estas declaracións, despois da reunión que mantiveron esta mañá os representantes dos traballadores co secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado; a presidenta do partido en Lugo, Elena Candia, e deputados e alcaldes populares da comarca.
“Pedímoslle á SEPI, ao Goberno de España e á Xunta que, dunha vez por todas, cheguen a ese acordo. O día 27 de setembro, había un acordo encima da mesa. Nese acordo, Alcoa vendíalle á SEPI, que compraba a fábrica cunha serie de cláusulas. Queremos que se volva a ese acordo do 27 de setembro e queremos responsabilidade”, dixo Zan aos medios de comunicación.
SEPI “CUMPRA COA SÚA PALABRA”
“Queremos que a SEPI, dunha vez por todas, cumpra a súa palabra”, insistiu o presidente do comité, e que demostre a mesma “responsabilidade” que os traballadores, que suspenderon “a folga” para buscar ese acordo.
Lembrou, nese sentido, que “os traballadores seguiron traballando durante tres meses nunhas condicións que non son de normalidade. Están presionados; traballando a contragusto, ás veces cun trato bastante penoso. Seguimos parando cubas de emerxencia, e todo iso por responsabilidade”.
Por iso, esixiulle “ás dúas ministras – de Industria e de Transición Ecolóxica- que, dunha vez por todas, cumpran coa súa palabra. Queremos pedirlle á SEPI que se poña encima da mesa o mesmo acordo, coas mesmas cláusulas, que había setembro. Nin máis nin menos”.
Con respecto á solvencia do posible comprador, “se a garantía que presentou Liberty válelles, adiante, se non lles vale, que pasen ao seguinte. A eles éncheselles a boca dicindo que teñen outros compradores. Que o fagan xa”. “Non cremos que sexa bo que nos tiren outra vez á rúa”, dixo Zan, porque a solución depende dunha “decisión política”. “Pedimos a mesma responsabilidade que teñen os traballadores”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here