O comercio de proximidade da Mariña Lucense reivindicou este venres a súa importancia para o tecido económico e social das vilas da bisbarra con distintas campañas que convidaron a reflexionar aos clientes.
As asociacións de comerciantes impulsaron varias iniciativas. En Ribadeo, a Acisa tirou de esquelas de gran tamaño (50 por 70 centímetros) para lembrar que a morte dos pequenos negocios está próxima se non hai unha concienciación por parte do consumidor.
En Burela, os escaparates apareceron este venres cheos de papeis de xornais, co lema “se non merca aquí, este pobo non existe“.
Desde o Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) xa convidaban a pensar meses atrás. “Imaxinas Viveiro sen estes negocios?”
Ás oito da tarde deste venres, e ata as 00.00 horas, centos de negocios da bisbarra permanecen a escuras por unha impulsada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM).
3.000 POSTOS DE TRABALLO
Segundo os datos da FCAM, o comercio local da bisbarra agrupa a 900 empresas, xera 3.000 postos de traballo e un volume de negocio duns 300 millóns de euros ao ano.