O PSdeG acusa á Xunta de non querer vacinar aos mariñeiros

Lembra que Euskadi ou Cantabria xa os vacinaron. Rosa Quintana pide flexibilidade na nova norma de control da pesca na UE.

Mariñeiros preparan as redes en Burela. EFE/ELISEO TRIGO

O portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario do PSdeG, Julio Torrado, asegurou que se os mariñeiros galegos non están vacinados é “porque a Xunta non quere” xa que “non hai nada que llo impida”.

“Os mariñeiros non están vacinados porque a Xunta non os quere vacinar”, sostivo Torrado nun comunicado remitido aos medios, no que acusa á Xunta de “mentir” e caer na “irresponsabilidade de utilizar a vacinación para confrontar” responsabilizando a Euskadi. Neste sentido, lembrou que Euskadi e Cantabria xa teñen a todos os seus mariñeiros vacinados porque “o Goberno vasco así o quixo, do mesmo xeito que podería querer a Xunta”.

Torrado explicou que “cando Galicia decide priorizar a vacinación das traballadoras do SAF é unha decisión do Goberno autonómico que non todos os gobernos están a tomar e Galicia si”. “E ben tomada está”, engadiu antes de sinalar que, cando “Euskadi ou Cantabria deciden vacinar aos mariñeiros tamén é unan decisión autonómica” que lles parece “ben” e sinala que, “se Galicia non a vacina é porque non o decidiu”.

Ante iso, o responsable socialista urxiu ao Goberno galego a “deixar de utilizar argumentos espurios para confrontar e atacar ao Estado” e emprazou á Xunta a empezar a utilizar as 100.000 vacinas que deixan cada día nas neveiras do Sergas para vacinar aos mariñeiros.

REGULAMENTO DE PESCA

Por outra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu este luns na necesidade de flexibilizar as medidas recollidas no futuro regulamento europeo de control da pesca, así como a urxencia de conseguir un acordo de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas nas augas compartidas co Reino Unido co obxectivo de dar “estabilidade e seguridade xurídica á frota”.

Así llo trasladou nun encontro por videoconferencia ao ministro do ramo de Portugal e que ostenta actualmente a Presidencia rotatoria do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, Ricardo Serrão, no que defendeu o papel da frota de baixura e o marisqueo galegos fronte á “excesiva rigorosidade” do texto da nova normativa de control, pois incide nunha actividade “que está ben controlada ao desenvolverse preto da costa”.

Neste sentido, apelou á “sensibilidade” do representante do Goberno de Portugal, un país cun importante sector pesqueiro e con características semellantes ás do galego, e advertiu de que medidas introducidas no regulamento, como a instalación de cámaras a bordo, a geolocalización ou o rexistro dixital das declaracións de desembarque, apenas supoñen melloras para o control e, con todo, “dificultan en gran medida” a actividade dos profesionais do mar.

AXENCIAS

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here