O comité de Alu Ibérica pide xa a intervención da planta de Alcoa en Cervo

A petición chega tras a intervención xudicial das plantas que Alcoa tiña na Coruña e Avilés.

Traballadores de Alcoa, na manifestación da Coruña. REBELIÓN ALUMINIO/CEDIDA

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, destacou este mércores a intervención xudicial desta planta e a de Avilés, que no seu día eran de Alcoa e vendeu ao Grupo Parter, que á súa vez as transferiu despois a Riesgo. E, ademais, reclamou a intervención xudicial da planta que Alcoa aínda mantén en Cervo.

O xulgado central de instrución número 3 de Madrid decretou a intervención xudicial das sociedades Iberian Green Aluminium Company, Alu Holding Spain, Alu Holding AVL, Alu Ibérica AC e Alu Ibérica AVL. Esta medida, ditada nun auto con data do 27 de abril, tómase por tempo de seis meses, “prorrogándose, no seu caso, por períodos iguais de seis meses”.

A intervención derívase da investigación iniciada pola xuíza da Audiencia Nacional María Tardón por mor da querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais contra un total de dez persoas físicas e nove xurídicas en relación co proceso de venda das plantas da empresa Alcoa en Avilés e A Coruña.

ENGANO E ESTAFA

Con esta decisión xudicial, Corbacho ve “evidencias claras” do “engano” e a “estafa” que supuxeron esas operacións, nas que “se baleiraron” as factorías. Por iso, ademais da intervención do xulgado, reclama que entre a sociedade estatal de participacións industriais (SEPI), dependente do Ministerio de Industria, a xestionar as plantas, para “salvagardar” a actividade e os postos de traballo.

A medida xudicial vea “sorpresiva”, aínda que “esperada dada a deriva que estaban a tomar as fábricas”, cunha situación “preocupante” dadas as “continuas paradas”. Dispostos a colaborar “en todo o necesario para salvar o futuro da planta”, o comité reclama “que se persone a SEPI para facerse coa xestión das plantas” e tamén a intervención de Alcoa, que cre a “gran responsable” do ocorrido.

MÁXIMA PRESIÓN

Así, demanda a “máxima presión desde a autoridade laboral para facer pagar ao responsable desta estafa”. “A gran responsable é a multinacional Alcoa, como promotor destes presuntos delincuentes. Obrou de mala fe e levounos a un engano tremendo”, asevera o portavoz do comité.

Neste sentido, interpreta que “Alcoa non quere responsabilidade sobre o peche de plantas pero búscao ante calquera outra saída”. “Busca a quen quere vender e vende nas condicións que pacta e ao mesmo tempo patrocina a quen compra as plantas e mantenos durante un tempo”, expón. Por iso, insiste en que Alcoa, ao seu xuízo, “debería ser unha das empresas intervidas para dar solvencia a calquera decisión xudicial” que se tome.

RESPOSTA DE ALCOA

Pola súa banda, Alcoa asegura respectar as decisións xudiciais e cooperar coas autoridades. Fontes da compañía lembran que vendeu as plantas de Avilés e A Coruña en 2019 a Parter Capital Group nunha venda “que foi avalada polo Goberno español e apoiada polos representantes dos traballadores”.

Posteriormente, segundo engaden as mesmas fontes, Alcoa presentou unha demanda contra Parter relacionada coa venda de accións nas dúas plantas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here