Os traballadores de Alcoa suspenden a folga unha semana e dan unha nova oportunidade á paz social

Os operarios tomaron a decisión tras o compromiso da propia ministra de buscar unha saída canto antes á situación da factoría. Se non hai avances, volverán ás mobilizacións.

Traballadores de Alcoa, na manifestación de Viveiro. AXM

Os traballadores de Alcoa Cervo (Lugo) decidiron por maioría absoluta dar unha prórroga dunha semana á paz social comprometida para facilitar as negociacións para a venda da planta de aluminio, polo que, de momento, non irán á folga este xoves 6, como estaba previsto.

A medida tomárona este mércores en asemblea despois do que expuxo a ministra de Industria, Reyes Maroto, este martes durante unha reunión cos representantes dos traballadores.

Maroto pediu que continuase a paz social, segundo explica o comité de empresa, “para que a Avogacía do Estado dispoña dos días que solicitou o secretario de Industria –Raúl Blanco– para definir o papel da sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) na operación de triangulación da venda”, que suporía pasar a propiedade de Alcoa á SEPI e desta ao comprador final.

Deste xeito, o ministerio comprometeuse a responder a proposta de Alcoa, que, segundo resalta o comité, establécese sobre a base do acordo do 27 de setembro respecto da cláusula de indemnidade. Por entón, segundo a multinacional, o Goberno aceptaba as condicións referidas a esta cláusula, que busca evitar responsabilidades no caso de eventuais reclamacións despois da venda. En calquera caso, no outono do ano pasado fracasaron as negociacións para a venda e as conversacións volvéronse a impulsar a comezos deste ano.

“A FOLGA PERMANECE SUSPENDIDA”

“Dado o compromiso adquirido pola ministra de Industria, Reyes Maroto”, o persoal optou este mércores por “conceder unha semana de prórroga ao acordo” que expirou o pasado 30 de abril, que se asinou entre Alcoa e os sindicatos e que puña fin a meses de folga na factoría da Mariña.

Deste xeito, durante estes sete días, ata o vindeiro mércores 12 de maio, “a folga permanecerá suspendida, manténdose a paz social”. “Unha vez finalizado o prazo, o mércores 12 de maio, se non houbese avances, a folga quedaría reactivada de novo“, informa o comité.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here