Os Bonos Impulso da Deputación de Lugo xerarán na comarca da Mariña un volume de negocio mínimo de 332.000€. Así o anunciou o órgano provincial nun comunicado no que destaca que se repartirán preto de 3.700 bonos nominativos por importe de 30€ nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, que xerarán un efecto multiplicador importante porque para usalos haberá que consumir un mínimo de 60€.
“Deste xeito, o investimento da institución provincial nestes municipios será de máis de 110.000€, unha inxección económica moi relevante en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres”, indica.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, e o presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo, visitaron esta tarde varios establecementos do concello focense adheridos á campaña de descontos da Deputación.
“Unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles, sabémolo, por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida”, explicou o Presidente. “Os Bonos Impulso da Deputación son un incentivo para apoiar ás empresas e ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan á concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”, incidiu Tomé Roca.
Este mércores xa hai 432 establecementos inscritos en toda a provincia para participar nos Bonos Impulso e na páxina web da institución provincial está habilitado un espazo no que, ata o 25 de maio, os propietarios de locais interesados en participar poderán adherirse cumprimentando un formulario sinxelo. Poden anotarse todos os negocios da provincia, incluídos os locais de hospedaxe e servizos, tendo en conta que non se poderá participar para canxear lotaría, bebidas alcohólicas non alimentarias nin tabaco.