InicioEconomíaRibadeo insiste coa súa moeda propia, a Pancha, para dinamizar a economía...

Ribadeo insiste coa súa moeda propia, a Pancha, para dinamizar a economía local

Destinará 150.000 euros para a nova edición da campaña das Panchas e aproba unha amortización de débeda viva por importe de algo máis de 420.000 euros. O PP critica que non se teña aprobada a comisión sobre a herdanza de Francisco Moreda.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo celebrou este xoves un pleno que estivo centrado en asuntos financeiros e económicos, nunha sesión na que se aprobou unha partida de 150.000 euros para a nova edición da campaña das Panchas, a moeda local de Ribadeo, máis os custes de organización e promoción.

O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, explicou que tamén foi aprobada a amortización de débeda viva por importe de algo máis de 420.000 euros e outra partida para facer fronte ao pago de facturas do exercicio anterior que supoñen 266.000 euros.

COMERCIO LOCAL

Así, o Goberno local incluíu no pleno tamén un punto de aprobación de ampliación de orzamento para destinar directamente á promoción de todo o comercio e ao tecido económico de Ribadeo. Por iso, anunciaron que volverán sacar unha nova campaña da moeda local, a Pancha, para a que se dotan agora 150.000 euros máis os custes de organización e promoción.

Teñamos en conta que isto supón investir tres veces máis que o ano pasado, e xa foran daquela tamén ampliadas, co obxectivo de acadar un volume de negocio que supere os 600.000 euros”, sinalou o edil. Este ano facilitarase que que poidan participar compradores que sexan veciños de Ribadeo ou doutros concellos limítrofes ou que están máis lonxanos, a través de compra das Panchas para gastalas no comercio de Ribadeo.

SUBVENCIÓNS E FACTURAS PENDENTES

No pleno deste xoves aprobouse o plan estratéxico de subvencións para o trienio 2021-2022 e 2023 e se abordaron tamén varios puntos relacionados coa incorporación de remanentes de tesourería para abordar varios asuntos. Un deles, aprobar o pago de facturas do exercicio anterior, por máis de 266.000 euros, e que non puideron ser pagadas no 2020 por diferentes motivos.

“Por exemplo, porque se presentaron ou porque se rexistraron unha vez pechado o exercicio anterior, outras porque se presentaron incluso neste ano, poucas porque presentaban algún tipo de discrepancia ou algunhas partidas porque a inicialmente prevista quedouse curta por ter que asumir durante o ano 2020 unha gran cantidade de gastos non previstos a causa da covid-19“, suliñou o edil.

O concelleiro ribadense destacou tamén que se aprobou a amortización de débeda viva, é dicir de préstamos anteriores, por algo máis de 420.000 euros. “Ademais deste xeito, mantense a ratio de endebedamento do Concello en niveis que seguen a ser realmente baixos en comparación con outras administracións e moi por debaixo dos límites establecidos pola lei, o que certifica o bo estado económico do Concello”, dixo.

REXEITAMENTO COMISIÓN DO PP

Por outra banda, noutro pleno celebrado o xoves, o Goberno lcoal rexeitou a creación da comisión proposta polo PP sobre a herdanza de Francisco Moreda, que se vai destinar á reforma do Hospital Asilo. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o equipo de goberno informará á Corporación de todos os pasos que se vaian dando, así como do compromiso que a Xunta vaia adoptar co financiamento da parte restante ata chegar a 1.500.000 de euros, cifra á que ascende o proxecto de reforma do Hospital Asilo.

Neste sentido, o voceiro do grupo popular, Daniel Vega, criticou esta neativa e dixo que “non é entendible que o propio BNG impulsara unha comisión en relación á construción da residencia de maiores de Ribadeo e que agora se negue a crear unha comisión para a mellora do asilo na que participemos todos, sen individualismos”

Así, lembrou que o Grupo Municipal Popular xa advertira de facturas sen pagar do ano 2019 “e a pesar de que o BNG lle chamara mentiroso naquel momento, agora tivo que convocar un pleno extraordinario para aprobar orzamento para pagar esas facturas”.

Por outra banda, os concelleiros populares apoiaron a campaña das Panchas porque “dinamiza a economía local”; pero botan en falta “axudas directas aos negocios como teñen impulsado noutros concellos e tamén dende a Xunta, que aportou máis de 329.000 euros á hostalería ribadense”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...