A Mariña lucense presentouse esta tarde en Fitur como destino turístico slow e responsable. No acto proxectouse o vídeo Vuelve a encontrar el Norte. Visita A Mariña Lucense así como as distintas gráficas da campaña, que representan os principais atractivos da comarca: natureza, costa e interior, patrimonio cultural, gastronomía, vida rural, tranquilidade e calidade de vida.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, insistiu na súa intervención en que “A Mariña Lucense ofrece ao visitante a posibilidade de afastarse do estrés do día a día, grazas a unha proposta baseada no turismo slow, un xeito sostible de viaxar, que aposta por destinos illados e evita as masificacións para dar prioridade á experiencia do viaxeiro”.
A Mancomunidade da Mariña aposta por que operadores turísticos e visitantes escollan A Mariña “fronte ás présas, aglomeracións, colas, asfalto e ruídos doutros destinos e se viaxe a esta comarca co propósito de acumular vivencias”.
Ademais, o rexedor destacou que os concellos integrantes do xeodestino conforman un itinerario no que poder reconectar cun mesmo “a través de paisaxes salvaxes, con praias paradisíacas e costas agrestes encravadas en pleno norte peninsular, a zona que o visitante leva tempo querendo atopar”. Unha oferta turística que tamén vai acompañada de “boa gastronomía” e unha completa rede de hoteis, hostais ou casas rurais.
O material promocional do xeodestino estará dispoñible a demanda dos profesionais do sector e do público xeral na área provincial do stand de Galicia. A Mancomunidade concertou reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos, de produtos e de servizos turísticos da Mariña.
XUNTA
Tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou en Fitur os grandes reclamos turísticos con que conta A Mariña lucense, que, sen embargo, “conserva esa tranquilidade característica do turismo slow, tan codiciada nestes tempos de pandemia”. Neste sentido, Arias instou a gozar dun turismo “sostible e sen présas, que fuxe da masificación e concede ao viaxeiro tempo e espazo para coñecer o seu enorme patrimonio natural e cultural”.