O Concello de Viveiro anunciou que xa ten preparadas as bases da segunda liña de axudas ao comercio local, destinadas a paliar o impacto derivado da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no municipio.
Este 2º Plan de Reactivación Económica para os establecementos do tecido empresarial do municipio está incluído dentro do acordo da aprobación de orzamentos para o exercicio 2021 do concello. Dito acordo fora alcanzado entre o equipo de goberno do PSdeG-PSOE e os concelleiros do grupo municipal de Por Viveiro.
As axudas impulsadas polo goberno local diríxense a autónomos, microempresas, pequenas empresas, comunidades de bens, sociedades civís ou entidades económicas empresarias sen personalidade xurídica radicadas no municipio.
As posibles beneficiarias deberían de ter unha baixada de facturación de, canto menos, o 50% no exercicio 2020 respecto ao exercicio 2019, ou, no caso de apertura no primeiro trimestre de 2020, unha baixada de facturación de canto menos o 50% nos sucesivos trimestres de 2020 con respecto ao primeiro.
O importe destas axudas será de 850 euros para cada establecemento beneficiario até a finalización do orzamento previsto. Non se poderán acoller a esta liña de axudas os establecementos que foron beneficiarios nas axudas concedidas en 2020 polo Concello de Viveiro nin o sector da hostalaría, que xa conta cun plan específico, para o que o concello adheriuse ao Plan de Rescate II da Xunta de Galicia.
Tal e como se fixo coas axudas concedidas polo Concello de Viveiro no pasado ano, desde o goberno municipal remitirase o borrador das bases ás xestorías do municipio antes da súa publicación, para que poidan ter coñecemento do seu contido e ir recompilando a documentación solicitada.