A mesa multilateral sobre a venda da fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, vólvese a reunir este xoves, ás 12,00 horas, segundo informa o comité de empresa. Precisamente o comité reunirase a semana que vén, en concreto o mércores 9, con representantes da empresa Liberty, a principal interesada en comprar a planta, tras atrasarse o encontro previsto para esta semana.
Os representantes dos traballadores comezaron esta semana acudindo a plenos de concello da comarca, o luns en Barreiros e o martes en Cervo.
O domingo, o persoal e boa parte da Mariña de Lugo conmemorou o ano de conflito neste complexo industrial cunha masiva concentración en Xove, onde demandaron a continuidade da actividade e dos postos de traballo.
E é que fai xa máis de 12 meses desde o momento en que a multinacional do aluminio expuxo a súa intención de pechar a factoría, á vez que pretendía despedir a máis de 500 empregados. Ambas as intencións foron rexeitadas pola xustiza.
Agora, Alcoa negocia a venda con seis potenciais compradores e o compromiso de que sexa a SEPI (a sociedade estatal de participacións industriais) a que medie na operación.