InicioEconomíaO Goberno central di agora que a SEPI non mercará a planta...

O Goberno central di agora que a SEPI non mercará a planta de Cervo

"Non imos baixar os brazos, imos seguir loitando", destaca o presidente do Comité de Empresa que empreaza a manifestación desta fin de semana.

Publicada o

- Advertisement -

O Goberno central culminou a súa marcha atrás no proceso polo que se negocia a compravenda da planta de Alcoa en Cervo ao comunicar aos representantes dos traballadores que non está disposto a que a SEPI (a sociedade estatal de participacións industriais) sexa a que se faga coa planta, para despois transferirlla a un terceiro.

Tras un primeiro intento frustrado, no outono pasado, as negociacións volveron activarse a comezos deste ano. A participación ou non da SEPI foi sempre un dos elementos clave na discusión entre Goberno e empresa.

Respecto diso, nas últimas semanas o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, xa advertira de que non era necesaria esa “triangulación” ou “intermediación” por parte da SEPI, cuestión que Alcoa ve imprescindible. Con todo, o dirixente reclamou que sexa Alcoa a que venda a factoría a un terceiro directamente.

Este xoves, nunha nova mesa multilateral na que Blanco non participou por cuestións de axenda, o Executivo “comunicou que non están dispostos a meter á SEPI na compra desta fábrica”, segundo trasladou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, visiblemente molesto.

Ante iso, o comité reclamou unha reunión “urxente e inmediata” ao criticar que xa van “15 días de atraso”. Nese encontro, incidiu Zan, queren que estea o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e a ministra de Industria, Reyes Maroto.

Pola súa banda, a Xunta dixo “que non teñen problema”, polo que os representantes dos traballadores están á espera de que a ministra “poña data” para esa reunión.

Para o persoal “é moi importante que a SEPI entre” porque é a súa “garantía” de que Alcoa “non vai facer o mesmo que fixo coa Coruña e Avilés”, remarcou José Antonio Zan.

A multinacional estadounidense desfíxose desas dúas factorías e agora a xustiza ditaminou que nin Parter (primeiro comprador) nin Grupo Riesgo (segundo) foron un socio “serio” para dar un futuro industrial ás plantas.

“PARA VERIFICAR E DECIDIR”

Por iso o comité de Alcoa Cervo quere que estea a SEPI, “para verificar que todo o proceso é real e para decidir quen é o que ao final acaba facéndose coa planta”. “É moi importante que manteñamos a unidade de acción, cremos que o Goberno non debe saír desa unidade de acción“, fixo fincapé o presidente do comité.

Neste escenario, fixo un chamamento á mobilización convocada este domingo, para que o Goberno “vexa” que continúa o apoio ao persoal. “Non imos baixar os brazos, imos seguir loitando”, remachou Zan.

Por último, lembrou que o Congreso aprobou unha iniciativa coa que pedía “unha intervención pública temporal para unha posterior venda a un terceiro” na Mariña. Respecto diso, avisou de que o Executivo “non debe ir contra o Parlamento de Galicia nin contra o Congreso dos Deputados, nin contra os traballadores”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...