O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou este venres o papel que o Ministerio de Industria e, especialmente, a SEPI, están tendo para resolver a situación na que se atopa a planta de Alcoa en San Cibrao.
“A SEPI non queda á marxe senón ao contrario: está máis implicada que nunca. O que non pode facer a SEPI é ser o refuxio dunha empresa que está a xogar co emprego de moitas familias e que quere aproveitarse, ademais, da boa vontade e do esforzo que estamos a ter as administracións”, dixo en declaracións aos medios.
Neste sentido, destacou que a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, reunirase coa representación dos traballadores. “A ministra aceptará porque sempre estivo cos traballadores, sempre atendeu ao colectivo e, por tanto, podo asegurar que imos ter esa reunión que están a pedir”, apuntou.
Respecto da situación actual, pediu a Alcoa que garanta o futuro ou que venda para poder manter o emprego. “Imos estar ao carón dos traballadores, imos defender a actividade industrial e a SEPI vai estar aí para axudar, para colaborar, para acompañar e para mediar. Pero está claro que hai empresas que están interesadas na compra e Alcoa o que ten que facer é seguir cun proxecto industrial que sexa solvente ou vender e irse e non enredar máis”, concluíu.