O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, espera que a reunión do luns entre a ministra de Industria, Reyes Maroto, e o presidente de Alcoa, Roy Harvey, supoña “un fito que dea un xiro á situación” da planta de Cervo. “O máis importante é que tanto o Goberno como Alcoa poidan achegar posturas e se poida establecer un camiño de diálogo para ese proceso de venda”, destacou, en declaracións aos medios de comunicación durante un acto en Betanzos.
“Ten que ser un fito que dea un xiro á situación actual e que permita que Alcoa realmente traslade a súa vontade de vender e ao mesmo tempo que haxa unha implicación e compromiso por parte do ministerio e da Xunta para participar activamente e que poidamos chegar a éxito con esa solución para Alcoa”, subliñou.
Neste sentido, trasladou que o Executivo autonómico vai seguir ” traballando” e reiterou que espera que “esas posturas se poidan achegar e tanto Goberno e Alcoa establezan o procedemento polo cal establecer esa negociación cos posibles compradores”. Neste momento, lembrou, son catro empresas as que trasladaron oferta non vinculante, polo que aposta por “traballar para que esa oferta poida ser vinculante e se poida producir a venda”.
DEPUTACIÓN DE LUGO
Tamén o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegurou que a institución apoia “a continuidade de Alcoa, a continuidade dos postos de traballo e que se manteña o tecido produtivo da Mariña”. Estas declaracións prodúcense tras o anuncio do comité de empresa de retornar ás protestas, a partir da próxima semana, despois da última reunión multilateral.
Seguidamente Tomé mostrouse “convencido de que o traballo que está a realizar o Ministerio de Industria chegará a bo porto, porque é a maneira de que de resultados”. Ademais, puxo en valor que a ministra de Industria se vaia “desprazar a Estados Unidos a falar cara a cara cos máximos dirixentes de Alcoa, e eu confío no traballo que realiza o director xeral de Industria e tamén a ministra”. Tomé non pasou por alto que entende que “os traballadores loxicamente teñen que escenificar a loita polos dereitos dos seus postos de traballo, pero que non caiba ningunha dúbida que quen indicou as liñas por onde tiñan que ir os pasos foi a deputación”.