O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, espera que a reunión deste luns entre a ministra de Industria, Reyes Maroto, e o presidente de Alcoa, Roy Harvey, supoña “un fito que dea un xiro á situación” da planta de Cervo.
“O máis importante é que tanto o Goberno como Alcoa poidan achegar posturas e póidase establecer un camiño de diálogo para ese proceso de venda”, destacou, en declaracións aos medios de comunicación durante un acto en Betanzos.
“Ten que ser un fito que dea un xiro á situación actual e que permita que Alcoa realmente traslade a súa vontade de vender e ao mesmo tempo que haxa unha implicación e compromiso por parte do ministerio e da Xunta para participar activamente e que podamos chegar a éxito con esa solución para Alcoa”, subliñou.
Neste sentido, trasladou que o Executivo autonómico vai seguir ” traballando” e reiterou que espera que “esas posturas se poidan achegar e tanto Goberno e Alcoa establezan o procedemento polo cal establecer esa negociación cos posibles compradores”.
Neste momento, lembrou, son catro empresas as que trasladaron oferta non vinculante, polo que aposta por “traballar para que esa oferta poida ser vinculante e póidase producir a venda”.