A Unión Xeral de Traballadores (UXT) convocou para o vindeiro venres, 23 de setembro, unha manifestación contra a “persecución e acoso sindical” de Sargadelos contra a súa afiliada Rogelia Mariña.
A protesta partirá do consistorio cervense ás 13.00 horas, para rematar cun manifesto ante a fábrica de cerámica de Cervo.
A central informou de que conta coa presenza no acto do secretario xeral da UXT, Pepe Álvarez, e con afiliados de varios puntos de España da súa organización xuvenil, que celebrará esa fin de semana na Mariña a súa reunión anual.
ACTO ABERTO
O secretario comarcal de UXT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro) na comarca, convida a todos aqueles que queiran apoiar á sindicalista a sumarse á manifestación, que é un acto aberto.
CONFLITO LABORAL
A central pretende dar “unha resposta contundente” á situación de Mariña. A traballadora, que permanece de baixa, foi sinalada polo conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, que no pasado mes de agosto anunciou 49 despedimentos se non cesaba a “presión” da sindicalista sobre o grupo empresarial.
Ao longo das seguintes semanas a directiva executou 24 cesamentos -readmitiría a alomenos oito persoas- e un grupo de case 50 traballadoras -máis da metade do cadro de persoal- convocou unha asemblea para revogar á sindicalista, que foi destituída por maioría.
A UXT presentou unha demanda por vulneración dos dereitos sindicais que o Xulgado do Social nº 2 de Lugo desestimou a finais de outubro, e impugnou a asemblea ao entender que estaba condicionada pola ameaza do máximo accionista de Sargadelos.
MARIÑA EXPLÍCASE NUN VÍDEO
A propia Rogelia Mariña espuxo a súa visión do conflito laboral nun vídeo que está colgado en Youtube, titulado ‘O ocaso de Sargadelos‘.
Na peza audiovisual, a sindicalista destituída acusa ao empresario de “despedir ás persoas que non apoiaron a miña revogación” e denuncia irregularidades na asemblea na que se aprobou a súa destitución.
COMUNICADO
Pola súa banda, un grupo de traballadoras da planta cervense de Sargadelos, presentaron este mércores un comunicado no que instan á UXT a “deixar en paz” ao cadro de persoal.
Unhas 50 empregadas asinan a carta, na que reiteran que o persoal decidiu “libremente e sen coaccións” destituír á súa representante.
As traballadoras de Sargadelos afirman que “somos moitas as familias que dependemos deste posto de traballo” e piden a Mariña e á UXT que “non compliquen máis a situación”.
“DE EXCURSIÓN”
As empregadas cuestionan a lexitimidade da manifestación convocada polo sindicato e sinalan que “imaxinamos que a maioría desa xente que virá manifestarse de toda España achegarase de excursión, porque seguro que non está ao tanto da polémica que Mariña crea na fábrica”.
Así, as obreiras conclúen o seu comunicado co seu desexo de que os manifestantes, “que, xa que veñen, fagan algo de compra na galería”.