O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, considera que cando se están multiplicando os proxectos de parques eólicos é un disparate parar liñas de produción de aeroxeradores, en referencia á crise da fábrica de Vestas en Viveiro.
Fran Cajoto alerta do perigo da deslocalización da industria e da mala praxe dos Fondos de Inversión e manifesta: “o noso pensamento está en Viveiro porque esta é outra navallada ao noso corazón industrial e van moitas”.
Cajoto trasladou o seu recoñecemento para o goberno local de Viveiro e para a súa alcaldesa, “que no pasado e no presente son os que máis están a loitar para manter a produción da fábrica de Vestas e garantir dese xeito 115 postos de traballo pendentes de solución”.
O presidente da Mancomunidade engade: “agora hai unha multiplicación de proxectos eólicos, precisamente en Foz estamos a redactar as alegacións ao parque Borrasca, promovido pola industrial Greenalia, pola proximidade a vivendas“. Dentro deste contexto de expansión da industria eólica “resulta un completo disparate parar liñas de produción de aeroxeradores”.
Cajoto fai paralelismos entre Alcoa e Vestas “plantas viables que se desbotan por un rédito económico maior e que se queren eliminar para posibles competidores”.
Para rematar Cajoto sinala: “estamos con Viveiro para esixir un cambio de postura á dirección de Vestas e ademais necesitamos un apoio, un plan autonómico de reactivación industrial que mire pola Mariña porque temos unha enorme potencialidade, non só no eido turístico”.
Cajoto sinala que están ás portas os fondos Next Generation e “necesitamos ese apoio, que desde Galicia se proxecte un plan industrial ilusionante para a nosa comarca”.