-O aviso de Vestas era esperado?
Nós como comité, convocaramos á empresa para falar sobre temas relacionados coa empresa. Unha reunión para ese día e esa hora en que nolo dixeron. Estabamos na sala de reunións esperando as persoas que, supostamente se ían reunir con nós, o subdirector e o director da empresa. Entón é cando aparece unha comitiva de seis persoas, un deles un alto executivo da empresa. Apenas che din nada, un minuto de discurso para dicir “isto acabouse”. Así de duro e crú.
-As persoas que chegaron eran directivos da empresa?
Tiñamos diante un alto directivo cun tradutor, porque ademais non falaban nin castelán, había dúas persoas de Recursos Humanos, estaba o antigo director desta fábrica, tamén estaba o actual director. Había un equipo de persoas que poderían ser avogados, mais non entraron na reunión, só se reuniron entre eles. Foi así, esperas unha reunión ordinaria e aparece unha xente que nunca pisou esta fábrica que che di que tes até fin de ano para formalizar o fin do traballo. Estamos diante do peche da segunda empresa máis forte da Mariña e a primeira tamén está como está e así virá a morte industrial da comarca.
-Como presidente do comité de empresa cal cres que é o verdadeiro motivo polo que Vestas pecha a súa planta en Viveiro?
O motivo é económico. Entendo que a empresa considera a posibilidade, moralmente discutible, mais economicamente viable, de montar o mesmo negocio noutro lugar, a empresa vaise e ninguén llo pode impedir, porque a lexislación española é moi laxa para asuntos como este. Enviaron unha memoria explicativa de mil e pico páxinas onde non din nada e o proceso en marcha. Non ten máis explicación que aforrar nos dereitos básicos dos traballadores e traballadoras. Colocarán a fábrica en países onde as condicións laborais son peores como poden ser China ou Polonia, por poñer exemplos.
-A memoria que vos presenta a empresa di que Vestas Viveiro ten perdas?
É unha memoria enorme, confusa e con máis da metade do texto en inglés, son así de desconsiderados. Por iso aínda temos que analizar moito mais en principio vese que non hai outra explicación, a das perdas. En calquera caso, estivémonos comparando con países coma China é parece que si ten máis rendemento.
esperas unha reunión ordinaria e aparece unha xente que nunca pisou esta fábrica que che di que tes até fin de ano para formalizar o fin do traballo
-Vestas Viveiro era considerada como unha das mellores seccións da empresa. Non se tivo en conta a calidade do traballo realizado?
Este peche colleunos de sorpresa por varias razóns, mais unha delas era vender, polo menos de portas para fóra, esa calidade que demostrabamos no traballo, o desenvolvemento e acabado final dos produtos que montabamos aquí. Sempre mostraban a súa satisfacción co noso labor, co noso facer, máis aínda comparándonos cos nosos competidores dentro do noso grupo. Isto fixo máis surpresivo recibir esta noticia.
-Cal era a especialidade de Vestas Viveiro?
Hai dúas liñas principais de produción, unha sería xeradores e a outra controis. Estes últimos comezamos a producilos sobre 2018, sendo Vestas Viveiro quen os producía a nivel mundial. Esta produción levounos a ter uns bos resultados e supuxo aproximadamente o 70% da produción. O outro 30% é a produción do que hai anos era a produción principal, os xeradores de 2 Mw. Agora mesmo é unha produción residual, non ten tanta saída no mercado. É lóxico que desapareza pouco a pouco, contabamos con iso. Non obstante, como parte da decisión de pechar a empresa aluden o feito de fabricarmos ese xerador obsoleto. Vemos mala fe por parte da empresa cando ese produto era o 30% da produción de Vestas en Viveiro. Esa produción podería pararse e mesmo entenderiamos que se puxese en marcha un mecanismo de ERTE. Non poden poñer como excusa eses xeradores para pechar todo.
a empresa considera a posibilidade, moralmente discutible, mais economicamente viable, de montar o mesmo negocio noutro lugar
-Trasladáronvos a posibilidade para a recolocación de traballadores?
De momento aínda é cedo para falar dese punto. As informacións que temos nós son as mesmas que aparecen na prensa e as notas de prensa foron publicadas ao mesmo tempo que recibiamos nós a noticia na fábrica. Son palabras vagas, sen clarificar nada ou converterse en medida para rebaixar o impacto deste ERE. No pasado houbo conflitos coa empresa e tamén houbo promesas semellantes que quedaron en nada. A nosa experiencia é que non se pode confiar na boa fe da empresa. Ademais, somos 114 traballadores, por tanto 114 familias con proxectos de vida, compras de vivenda e con fillos. E que ofrecen? Recolocar un cabeza de familia no estranxeiro? Ou na única fábrica que queda en España, en Daimiel, en Ciudad Real. Desde logo que non vemos nada realistas esas posibilidades. Son só palabras para un lavado de imaxe fronte este ERE.
-Hai pouco o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña declaraba que, cando menos, era chocante pechar Vestas cando están proliferando o número de parques eólicos.
Realmente non sabemos se teriamos impacto na poxa enerxética. Isto non quita que non teñamos capacidade e maquinaria para sacar adiante calquera proxecto en relación á poxa eléctrica. Aí temos o exemplo de Gamesa, que pecharon hai pouco e agora están mercando en Portugal o mesmo material que facían aquí. Vas mercar fóra o mesmo produto e pechas a fábrica que tes aquí? Non ten sentido mais está permitido polas administracións, está dentro da legalidade. Isto é que nos pasa a nós.
as notas de prensa foron publicadas ao mesmo tempo que recibiamos nós a noticia na fábrica
-Non hai previstas reunións inmediatas?
Estamos no pre-aviso dun proceso de ERE e o diálogo debera comezar o día 28 coa primeira reunión real, a reunión que abre o período de consultas. Non sabemos que cifras van manexar nin as datas de aplicación. Só temos un pre-aviso e o único dato obxectivo é o que marca a lei, sete días de pre-aviso e unha primeira reunión para constatar a presentación do ERE ante Industria. Así pois, entendo que desde o día 28 teremos cifras e datas.
-Tendo un cadro de persoal cualificado, sabedes se habería algún comprador interesado na planta?
Se facemos caso do que di a mesma empresa, estamos diante dun cadro de persoal moi cualificado. Estamos moi ben formados en prevención de riscos ou condución de maquinaria pesada, son cousas que non se aprenden dun día para o outro. Entón si, penso que podería haber alguén interesado en mercar a factoría pola formación dos e das traballadoras. Ademais, porque tamén as instalacións son modernas, porque cada dez anos había investimentos en renovación. O tipo de negocio que se pode instalar ou interesarse en instalarse aquí, non o sei. A ver se xurde a posibilidade e se Vestas estaría interesada en vender.
-O Ministerio de Industria declaraba por Twitter que o Goberno central estaría coa Xunta buscando unha solución. Cal é a impresión entre os traballadores e traballadoras deste anuncio?
Primeiramente positivo, aínda que as redes sociais son o que son. Mais a realidade é que eu, como presidente do comité de empresa, non recibín ningunha chamada. Publicar segundo cal ou tal comunicado está ben, hai que facela realidade, mobilizarse e falar con propiedade e con feitos. Estamos esperando iso, entendemos que a implicación política é fundamental. Sen esa implicación non conseguiremos nada.
Non ten máis explicación que aforrar nos dereitos básicos dos traballadores e traballadoras
-Cres que a clase política está sendo sensible co voso caso?
É cedo tamén para falar diso. Estamos no pre-aviso e non podemos facer unha avaliación. Espero que a sensibilidade da clase política se poida ver axiña. Nós, desde o primeiro momento, despois do shock, pensamos en buscar alternativas para minimizar o impacto desta decisión.