A Xunta de Galicia clausurou este venres o obradoiro dual de emprego #RibadeoXCamiño, promovido polo Concello e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 347.000 euros. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entregou os diplomas aos participantes acompañado polo alcalde ribadense, Fernando Suárez.
O obradoiro formou a 20 traballadores desempregados, distribuídos a partes iguais entre as especialidades de Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos e Promoción turística local e información ao visitante.
Ao tempo que recibían formación teórica, os alumnos traballaron na elaboración de recursos audiovisuais de promoción do Camiño Norte e do patrimonio de Ribadeo así como na mellora da oferta turística do municipio.
Arias lembrou que esta iniciativa terá continuidade no obradoiro dual Ribadeo prepara o teu Camiño, que dará comezo en outubro, suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas sen emprego e afondará no traballo de posta en valor dos recursos patrimoniais e turísticos do concello, especialmente os relacionados coa ruta Xacobea.
Os obradoiros de emprego proporcionan aos participantes experiencia laboral, a través dun contrato de traballo, en sectores con boas perspectivas de empregabilidade. Ao rematar, reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer a especialidade elixida.
No último ano, a Xunta achegou máis de 1,5 millóns de euros aos catro obradoiros de emprego promovidos en Ribadeo. Así, ademais dos dous obradoiros duais citados, desenvolve xunto con Barreiros o obradoiro de garantía xuvenil -para menores de 30 anos- Territorio Vivo, que substitúe ao programa de emprego para persoas mozas Vencellos da memoria, clausurado hai uns días. En total, proporcionan formación a 72 traballadores desempregados.