En outubro chega unha nova edición de A Mariña en Ruta, que organiza a Mancomunidade de Concellos para axudar á dinamización da comarca no outono. O obxectivo pasa por atraer escapadas de fin de semana para os galegos e as galegas e para as comunidades autónomas máis próximas. O calendario de rutas para as vindeiras semanas foi presentado este mediodía no Cenima, en Foz.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “o proxecto A Mariña en Ruta, promovido pola Mancomunidade de Concellos, co apoio da Xunta de Galicia para a súa coordinación e execución e da Deputación de Lugo para a promoción en medios“.
Este traballo consiste nun programa de rutas e actividades en torno á cultura e á natureza que durante esta edición dotará á Mariña Lucense dunha oferta turística complementaria ao aire libre. “O obxectivo é desestacionalizar o turismo. Despois dun verán cunha moi boa afluencia de xente o Plan de Sostibilidade, orzamentado con 2,25 millóns de euros e que arrinca no 2022, tennos que consolidar como unha referencia turística para os 12 meses do ano”, declarou Cajoto.
Esta edición, coa colaboración para a súa coordinación e execución da empresa de turismo activo Volta Montana, ven supoñer a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía da Mariña Lucense a través de 10 roteiros que se realizarán durante os meses de outubro, novembro e principios de decembro nos concellos de Trabada, Burela, A Pontenova, Riotorto, Barreiros, Lourenzá, Viveiro, O Vicedo, Xove, Mondoñedo e Alfoz.
Cajoto subliñou que “neste 2021 o proxecto pretende dar a coñecer a contorna natural e cultural dos concellos que contaron con menos actividades o pasado ano”. Estes roteiros, coma o ano pasado, poderanse realizar da man de guías locais e experimentados no territorio coma: Pedro Rolle, Guido Álvarez, Boris Vilar, Lidia de la Fuente, Sofía López, Claudia del Pino, Noela Feal ou Fran Canosa”.
ÉXITO DA PASADA EDICIÓN
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, dixo que “o ano pasado A Mariña en Ruta foi un auténtico éxito, coa axuda tamén da empresa de turismo activo Maremasma”.
E contou que “por recompilar algúns datos, durante agosto e setembro do ano pasado gozaron de A Mariña en Ruta 327 persoas, cubríndose o 92% das prazas dispoñibles”. Tamén engadiu que o 100% dos enquisados repetiría a experiencia, considerou que a iniciativa dinamizaba a oferta turística do territorio e que debería seguir no tempo.
Por último, o presidente da Mancomunidade, destacou que “con estes resultados non puidemos facer máis que seguir apostando por este proxecto neste 2021”. No acto tamén tomou a palabra Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo de Galicia, que felicitou á Mancomunidade pola realización deste proxecto e destacou que a súa presentación se faga coincidindo coa celebración do Día Mundial do Turismo.
PIARES DO PROXECTO
O proxecto xira entorno a catro eixos fundamentais, segundo Cristina Collazo, da empresa Volta Montana: “equipo, contido, transversalidade e legalidade, tendo en conta a normativa vixente de Turismo de Galicia en canto a Guías Oficiais de Galicia e en actividades na natureza, seguros de responsabilidade e Covid19”.
As rutas terán lugar os sábados de outubro, novembro e decembro, agás a primeira, que será este domingo, 3 de outubro. Terán unha duración de 2 a 3 horas e poderán participar en cada unha un máximo de 25 persoas mais a/o guía. O prezo será de 5 euros (individual), 8 euros (parella) e 12 euros (familiar ou grupo de ata 5 membros). As persoas interesadas en gozar de A Mariña en Ruta poden atopar información e facer a reserva de prazas en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta ou poden contactar a través da seguinte dirección de correo electrónico: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49.