A Xunta insiste en responsabilizar ao Goberno central do peche de Vestas

Conde di que "a política enerxética que se está adoptando en España vai en contra da industria en Galicia e está a xerar un desmantelamento industrial" en Galicia.

Francisco Conde. CARLOS CRESPO/XUNTA DE GALICIA

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, subliñou que o Goberno galego “non pode estar máis en contra” do anuncio de peche da planta de Vestas en Viveiro, pero é algo que achacou á política enerxética do Executivo central.

Pola súa banda, no pleno, a socialista Patricia Otero urxiu a convocatoria da mesa industrial para buscar alternativas para os 115 empregos, nunha xornada na que representantes do comité de empresa da fábrica trasladáronse ao Parlamento para reunirse co BNG e co PSdeG.

“A Xunta recibiu a noticia da presentación deste ERE e desde o primeiro momento a nosa preocupación e ocupación é identificar como podemos abordar esta situación para poder atopar unha solución”, respondeu Conde á pregunta da deputada do PSOE no hemiciclo.

“Faremos todo o que sexa posible”, asegurou, antes de trasladar que nese obxectivo teñen que estar “todos”, tendo en conta que considera que “a situación en que está Vestas non é puntual e ten unha razón de ser” que é, ao seu xuízo, a política enerxética do Goberno central. Vestas é unha empresa dedicada ao sector eólico “e todo o que ocorre en torno ao sector eólico ten unha incidencia directa na decisión que adoptou”, expuxo o vicepresidente.

Así, Conde cre que “a política enerxética que se está adoptando en España vai en contra da industria en Galicia e está a xerar un desmantelamento industrial” en Galicia. Neste sentido, pediu “un pouco de realismo” e traballar “xuntos en defensa dos traballadores”, para o que opina que o PSOE galego “debe deixar de apoiar a política enerxética que é a que está a levar á inviabilidade da industria do sector eólico en Galicia”.

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Patricia Otero trasladou “todo o compromiso” do equipo de goberno de Viveiro ao persoal e lamentou o “duro mazazo” polo anuncio da multinacional, á que reprochou “mala fe total”. Respecto diso, a portavoz do grupo socialista –que se reuniu co comité ao termo da pregunta oral a Conde– viu “imprescindible” que a Xunta “convoque xa” a mesa industrial para buscar unha alternativa para o mantemento dos empregos.

REUNIÓN CON PONTÓN

Precisamente este mércores, unha nova xornada de protesta ante as instalacións da planta en Viveiro por parte dos traballadores, representantes do persoal reuníronse no Parlamento coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen lles propuxo “actuacións inmediatas para salvar” a fábrica.

Nun encontro no que tamén participou o deputado Daniel Castro, o Bloque trasladou o seu apoio ao persoal e que é “clave” concretar un calendario da mesa de negociación. “De nada vale se non se actúa con rapidez, antes da reunión prevista coa dirección da empresa o 6 de outubro”, afirman os nacionalistas. Así, avoga por “paralizar” o ERE extintivo e pide “vincular” a instalación de novos parques a proxectos industriais e á fabricación dos compoñentes en Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here